O Compos ilusiona co novo ano

Vitoria en Avilés por 0-1 cun gol dende fóra da área de Quim Araujo. Os de Iñaki Alonso rematan a primeira volta con 29 puntos, a tan só catro puntos dos postos de ascenso. A vindeira semana, viaxe a Burgos.

Por gcdeportes | Compostela | 04/01/2015 | Actualizada ás 00:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Avilés:
Alejandro; Marcos, Cerrudo, Berna, Borja García, Burgueño (Gerardo, min. 66); Pascual, Geni; Jandro, Abraham (Wisi, min. 83), Omar e Cristian (Fassani, min. 73).
SD Compostela: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Jordan (Manu Moreira, min. 73), Manu Rodríguez, Óscar Fondevila (Iván Moya, min. 76), Quim Araujo e Mensha (Borja Navarro, min. 66).
Gol: 0-1: Quim Araujo (minuto 61).
Árbitro: Pandero Puente (Cantabria). Cartóns amarelos a Alcañiz (52'), Jordan (58') e Mensha (63') no Compos e a Cerrudo (43'), Abraham (59') e Borja García (61') no Avilés.
Incidencias: partido da 19ª xornada da Segunda B no estadio Román Suárez Puerta.

O Compos comezou o 2015 da mesma forma que rematou o ano anterior: con vitoria, 0-1 fronte ao Real Avilés. O equipo compostelán amosou ambición e convicción dende o primeiro instante, o que lle valeu para levar os tres puntos grazas a un gol dende fóra da área de Quim Araujo. O cadro asturiano tivo máis vontade que xogo á hora de buscar o empate, e a penas inquedou a portaría de Marqueta.

O equipo adestrado por Iñaki Alonso quixo ir polo partido dende o principio. Con Mensah como punta de lanza, o perigo sobre a meta de Alejandro foi constante. Manu Rodríguez tivo quizáis a ocasión máis clara cun remate ao longueiro. Enfronte, os avilesinos tardaron media hora en espertar. Tentaron buscar as contras e nunha destas Cristián cruzou demasiado ante Marqueta.

Na segunda metade, o dominio mantívose pero as accións de gol diminuíron. O xogo endureceuse, o que dificultou a súa fluidez, pero o Compostela seguiu a ter ocasións. Mensah tivo unha das mellores pero o seu disparo marchou desviado, nun día desacertado cara ao gol do dianteiro nixeriano. Foi Quim Araujo quen si tivo o acerto necesario para marcar o único gol, cun bo disparo dende a frontal da área.

Os trocos adormeceron o ritmo dos picheleiros e o Avilés aproveitou para buscar o empate. Abraham estivo preto nun gran disparo que mandou Marqueta a córner e xa a piques do final Geni chutou pegado ao pau dereito.

Con este triunfo, o Compos pecha a primeira volta con 29 puntos, a tan só catro dos postos de promoción de ascenso, aínda que cun partido máis. A vindeira semana, nova saída, a Burgos.

No outro partido con representación galega adiantado ao sábado na 2ªB, o Racing de Ferrol gañou 2-1 ao CD Lealtad, con dous goles de Joselu. Os de Manolo García suman xa 32 puntos.

Información de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta