O comité de empresa de Ferroatlántica Sabón e Xunta piden que o Goberno cumpra os seus compromisos enerxéticos

A planta leva parada desde o verán e cun ERTE desde o mes de novembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2023 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, xunto a secretaria xeral de Industria, Paula Uría; o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co Comité de Empresa de Ferroatlántica Sabón para avaliar a situación da planta, parada desde o pasado verán e cun Erte desde novembro.

Tal e como explican en comunicado, tanto Xunta como traballadores coincidiron na necesidade de contar cun marco enerxético estable e competitivo que "evite a deslocalización da produción cara a outros países que, como Francia, contan cun prezo do MWh preto de oito veces inferior ao español". A propia compañía, destacan, trasladou que a parada da planta se debe a un incremento dos custos nun 43%.

O conselleiro de Economía trasladou ao Comité que se estableceron contactos coa empresa para ofrecer todos os mecanismos cos que conta a Administración "para poder desenvolver iniciativas no ámbito enerxético que lles permitan impulsar o uso de enerxías renovables e gañar en competitividade". Como exemplo puxeron a prioridade de tramitación de proxectos eólicos que subscriban contratos de subministración coa industria galega.

Ademais, indican que o Executivo galego xa declarou "estratéxico e esencial" o sector electrointensivo e acompañou á industria "en todas as súas demandas ao Goberno para contar cun marco enerxético competitivo", ademais de contar con liñas de axuda para mellorar a eficiencia enerxética en pemes e grandes empresas, proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético e de xeración térmica.

Así mesmo, os asistentes á reunión coincidiron en que é necesario que o Goberno "cumpra cos seus compromisos e convoque as poxas acordadas, axilice o Perte sobre descarbonización e active os instrumentos recolleitos nos Orzamentos Xerais para mitigar os efectos do alto custo enerxético, así como axudas ás empresas polos custos indirectos das emisións de CO2".

Fábrica de Ferroatlántica (Ferroglobe) na Coruña. FERROGLOBE
Fábrica de Ferroatlántica (Ferroglobe) na Coruña. FERROGLOBE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta