Galicia reclama unha estratexia propia para combater a desinformación no mundo da posverdade

Será nun foro que organiza o día 9 de marzo o Consello da Cultura Galega baixo o lema “Pensar o mundo dende Galicia”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Expertos galegos e doutras partes do Estado reflexionarán o día 9 de marzo, en Santiago de Compostela, sobre a información nun escenario onde a desinformación se fixo ubicua e onde o papel dos medios de comunicación, herdados ou nativos dixitais, se fan máis necesarios ca nunca para que os cidadáns dispoñan de información veraz a fin de que poidan tomar as súas decisións con criterio fundado.

Chapa co lema 'eu non manipulo' contra as manipulacións dos medios públicos
Chapa co lema 'eu non manipulo' contra as manipulacións dos medios públicos

Mentres desde diferentes organizacións e entidades cidadáns se demanda unha estratexia propia, no marco das estratexias europeas e estatais para combater a desinformación, o Foro que organiza o Consello da Cultura Galega, na programación de debates para conmemorar o seu corenta aniversario, incentiva pensar dende Galicia as características deste mundo dixital actual, enmarcado nun escenario de posverdade, e onde a boa información cobra cada vez máis valor.

Este foro sobre a información no mundo da posverdade presenta unha nova ocasión para pensar desde Galicia o panorama creado pola desinformación e ofrecer achegas para o seu combate. Estas achegas hai que enmarcalas nesa reclamación dunha estratexia propia que precisa Galicia para combater a desinformación e que tarda en chegar.

As consecuencias creadas pola desinformación, estudadas desde diferentes campos científicos, puxeron de novo sobre a mesa a importancia de medios de comunicación sostibles e da relevancia do papel dos xornalistas nas sociedades dixitais actuais, nas que precisan dispoñer de autonomía para realizar o seu cometido profesional e para asumir a súa responsabilidade na construción de sociedades ben informadas.

A DESINFORMACIÓN, "UNHA ARMA SILENCIOSA"

A desinformación,  que a Unesco definiu como “unha arma silenciosa nos tempos de pandemia”, converteuse nun problema estratéxico para tódolos países e, aínda que con diferentes finalidades e estratexias, provocou respostas con medidas orientadas na busca dun ecosistema comunicativo máis transparente. A proliferación de bulos en plena pandemia da COVID-19, a UNESCO e moitos medios de comunicación crearon recursos para loitar contra a desinformación.

Desde a propia Unesco difundiuse o manual “Periodismo, “noticias falsas”& desinformación: manual de educación y capacitación en periodismo”, feito que animou á maioría das organizacións profesionais do campo da Comunicación a promover sesións formativas e campañas dirixidas aos principais sectores sociais para establecer novas alianzas nun obxectivo común: establecer un marco no que os cidadáns coñezan aos emisores de información que asumen un compromiso claro coa información veraz. Trátase dun plan que ten ramificacións e moitos países e que pretende non só crear a máxima sensibilidade cos perigos da desinformación, senón establecer pautas para o seu combate eficaz, porque trátase dun fenómeno que estivo sempre nas sociedades pero que agora, polo eco da sociedade rede, cobra novas dimensións. 

Desde o Consello da Cultura, no marco desta preocupación polas consecuencias negativas da desinformación, artellouse este foro que abordará “a cuestión da información no mundo da posverdade”. O seu obxectivo, segundo se explica no programa, “é reflexionar arredor do ecosistema comunicativo actual, o papel da información e as distorsións que provoca a desinformación”.

SESIÓN DE TRABALLO

A sesión de traballo, que está aberta a tódolos cidadáns interesados -só teñen que inscribirse na páxina do Consello, porque hai aforo limitado-, contará con expertos que definirán o ecosistema comunicativo actual, cos seus principais actores -medios, plataformas, entidades, profesionais...-, e analizará as diferentes dimensións que introduce a posverdade como porta á reflexión da época actual. Esta visión panorámica do ecosistema comunicativo correrá a cargo do Catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, director do grupo de investigación GRISS-UAB e director de Quaderns del CAC, Emilio Prado i Pico, un galego que desenvolveu boa parte da súa traxectoria académica e investigadora en Cataluña e que tamén foi o decano-comisario que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

A segunda intervención ofrecerá unha perspectiva filosófica do que implica a posverdade e como mudou as nosas vidas. Baixo o título “A posverdade como porta á reflexión da época”, Remedios Zafra Alcaraz, científica titular do CSIC, escritora e ensaísta, analizará o mundo das pantallas e como a pantalla non é só un dos artefactos desta época, senón un dos máis fascinantes espazos de interacción da verdade e a mentira.  A partir do marco de fantasía permanente “habitar la red implica habitar un marco de fantasía; lo que vemos nunca tiene plena garantía de responder a algo real o inventado”-, Remedios Zafra reflexionará o que de “época” teñen as formas de vivir e transitar a verdade nun mundo globalizado e en rede. A partir destas achegas, que forman parte de traballos recentes desta científica do CSIC, introduciranos nalgúns desafíos que temos para transitar nesta sociedade rede hiperconectada e onde hai cambios constantes, con consecuencias para os procesos comunicativos e para as nosas vidas diarias.

VISIÓN GALEGA

Estas exposicións de Emilio Prado e Remedios Zafra enmarcarán boa parte dos debates da sesión da mañá, nos que participarán expertos das universidades galegas que investigan, desde diferentes enfoques e disciplinas, as consecuencias da desinformación. A fin de facer realidade o obxectivo da xornada -“pensar o mundo da posverdade dende Galicia”-, estes expertos farán as súas achegas e introducirán reflexións, nunha quenda de preguntas-achegas que busca a maior diversidade e pluralidade de voces posible. Coa finalidade de ampliar esa pluralidade, a organización anima aos representantes das principais organizacións e entidades que se inscriban e participen activamente nas sesións de traballo.

Os debates concluirán, na sesión da tarde, coa achega de resultados de proxectos de investigación sobre a desinformación e os seus efectos nas sociedades actuais. Na sesión está prevista unha mesa redonda moderada por Xosé López, na que cada un dos catro intervintes achegará as propostas concretas para combatir a desinformación. Con tal fin, está prevista a participación de Clara González Tosat, da Universidade de Navarra e xestora do proxecto IBERIFIER (https://iberifier.eu/) -proxecto financiado pola Comisión Europea para analizar a desinformación en España e Portugal-; María Isabel Míguez González, profesora titular da Universidade de Vigo -Investigadora principal, xunto con Alberto Dafonte, do proxecto “Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos”, Carlos Elías Pérez, catedrático de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid e titular ca cátedra Juan Monnet “European Unión, Desinformation and Fake News”, e Xosé Rúas, profesor titular da Universidade de Vigo e investigador principal dos proxectos " Lucha contra la desinformación y los estándares de valor en los debates electorales en TV y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain, DEBATrue" e "Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELOCAL)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cicais deberan estudar este caso flagrante de "Desinformación Institucionalizada" que ademáis colleita moi bos resultados electorais e logra narcotizar aos espectadores de Vigo / https://youtu.be/O72dav7d83s?t=64 Ninguén coñece cal é a financiación deste espazo televisivo pero segundo din a audiencia non para de subir... Non precisamos ir moi lonxe para ver que os espazos de desinformación están sendo o cerne da política contemporánea... sen rubor algún... ?