Miranda ao chegar a Vigo tras a expulsión de Israel: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo"

Demanda á UE e ao Goberno de España que esixan "responsabilidades"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 21/02/2023 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG Ana Miranda aterrou na tarde deste martes no aeroporto de Vigo, horas despois de ser expulsada de Israel cando pretendía entrar a territorio palestino formando parte dunha misión con outros eurodeputados, e advertiu: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo".

En declaracións á súa chegada, Ana Miranda subliñou que a misión de entrada a territorio palestino, que ía durar catro días, estaba autorizada polo Ministerio de Exteriores de Israel e que "a sorpresa" foi que a tiveron retida máis de 6 horas no aeroporto de Tel-Aviv, esperando, para ao final negarlle a entrada "cun proceso de expulsión inmediata" ás 6,00 horas da mañá.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, abrázase ao concelleiro nacionalista de Vigo, Xabier P.Igrexas, tras aterrar en Peinador, horas despois de ser expulsada por Israel
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, abrázase ao concelleiro nacionalista de Vigo, Xabier P.Igrexas, tras aterrar en Peinador, horas despois de ser expulsada por Israel | Fonte: Europa Press

"Hai que dicilo alto e claro. Israel vulnera os dereitos do pobo palestino, e non quere que vaia ningunha persoa que apoie os Dereitos Humanos" proclamou. A eurodeputada do BNG engadiu que "o máis forte desta afronta" é que Israel cuestionou "unha misión oficial" do Parlamento Europeo, polo que a eurocámara e tamén o Goberno de España deben pedir "responsabilidade" a ese país por esta "afronta diplomática".


REACCIÓNS

Nunha mensaxe en redes sociais, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, expresou a súa "decepción" e lamentou o ocorrido con Ana Miranda. Tamén a portavoz de Exteriores da Unión Europea, Nabila Massrali, sinalou que a diplomacia comunitaria lamenta a negativa de Israel a permitir a entrada no país de Miranda, insistindo en que a decisión resulta "profundamente decepcionante".

En España, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñou que o veto a Ana Miranda --que en 2015 xa formou parte da chamada 'Flotilla da liberdade'-- "pon en evidencia a democracia israelí, que tenta evitar que a comunidade internacional coñeza os crimes de lesa humanidade que comete a diario contra o pobo palestino".

A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, tamén trasladou o seu apoio á eurodeputada. "Toda a solidariedade con Ana Miranda. Non van impedir que sigamos denunciando a violación de dereitos humanos en Palestina", publicou a líder do BNG na súa conta de Twitter.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta