A Horda Dourada

O finado de meu pai coñeceu de primeira mao o nacemento desa casta rural xurdida ao abeiro do tardofranquismo. Recén licenciado, pasou un verao pola Terra Cha de capataz de obras dunha traída de augas. Alí tratou homes que se movían no, daquela xa, patético “Movimiento”. Aprendices de caciques que despuntaban nas Hermandades de Labradores, nas Cámaras Agrarias ou nos grupos escolares do recén creado EXB. De alí pasou á Pontenova cando o centro de secundaria dependía do Instituto de Lugo. En “Puentenuevo” topou tamén con algún destes protolíderes, que acabaron sendo Directores xerais e Conselleiros no rexime fraguista, xa en democracia. Deste mundo da fin da ditadura viñeron outros grandes homes, adalides do verdadeiro populismo, coma o inefable Revilla para o caso de Cantabria, por poñermos un exemplo mediático de arestora.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 13/01/2015

Comparte esta noticia
Está sobradamente demostrada a creba traumática que supuxo a represión franquista no rural galego. Unha sociedade marcada pola mobilización social, pola pluralidade política nos anos 30, pola influencia dos indianos progresistas nalgunhas áreas, deu paso a unha nova orde, tuteladada pola Igrexa e a xente de orde, claro. A resposta do campesiñado foi variada, como xa estudaron especialistas como Ana Cabana: a resistencia activa e pasiva, a emigración e, en grande medida, a naturalización dun novo maltrato político, dacordo coa ideoloxía feixista que defendía o seguidismo e o culto ao Caudillo. Nesta nova economía política, valorábase a aquel (nunca a aquela, evidentemente) que amosase liderado, mao dura e tivese acceso directo co Poder establecido. Nada de ateneos, casas del pueblo, asembleas nin ostias. O Estado franquista levou a cabo toda unha biopolítica co gallo de materializar un mundo xerárquico, no que cada clase ocupaba o seu lugar. O verticalismo non só quedaba nos sindicatos oficiais, senón tamén fructificaba nas colonias agrarias e industriais, nas promocións de vivenda apoiadas pola Igrexa e o nacionalsindicalismo. Os labregos cos labregos, os enxeñeiros cos enxeñeiros, os propietarios cos propietarios, os xornaleiros cos xornaleiros.
 
Dende hai un ano aproximadamente estamos embarcados nun proxeto de Arqueoloxía do colonialismo agrario e industrial franquista en España. Este verao fixemos o traballo de campo en Galicia (val de Lemos, Terra Cha, A Limia) e moito me acordei de meu pai. Esas ruínas aqueolóxicas dun proxeto modernizador fracasado recordánnos en parte o seu trunfo totalitario. Nas unidades produtivas chairegas, nas casas baratas de Falanxe ou na desecación da lagoa de Antela inda podemos achar a explicación do porque do xurdimento dos caciques que nos gobernan en democracia, como a dinastía baltárida en Ourense. Ninguén mellor que Baltar vello para explicar as consecuencias de todo iso. O mussoliniano do seu fillo está condanado a desaparecer dos libros de Historia, pero o vello non.
 
Parte dos terreos da desecada lagoa de Antela (solar da cidade asulagada de Antioquía), expropiados pola ditadura, pasaron á Deputación de Ourense. Neles instalouse un hipódromo e un centro hípico para coidar cabalos de luxo. Vai camiño de converterse nunha ruína do baltarismo, como xa o son os transformadores e edificios ergueitos polo feixista Instituto Nacional de Colonización. En todo caso este recinto amosa ben ás claras unha realidade xa coñecida por todos: que a dinastía baltárida considera coma un “cortijo” a provincia de Ourense.
 
De cabalos van sobrados, se nos poñemos a contar (grazas a Google Earth) os coches que durmen o sono dos xustos en Baltarilandia.
 
Nun lateral do centro hípico da lagoa de Antela aínda se pode ver a estatua ecuestre dun guerreiro mongol (non é broma). Eu creo que é unha representación de Gengis Khan, un trasunto do patriarca da dinastía baltárida, alomenos polo tamaño si que semella, aínda que en vez de alzas nos zapatos leva esporas.
 
Como a colonización franquista, o baltarismo desaparecerá da face da terra, trala retirada do fundador. Así remata a súa biografía de Gengis Khan (1959) o autor francés Jean Rousselot:
“Daquela, nada quedará do imperio mongol máis cá lembranza (e para algún o exemplo) dunha dominación fundada sobre a violencia, o desprezo á vida humana e o orgullo racial. Retornados aos seus pastos, ás súas iurtas de feltro, os homes que Gengis Khan quixo converter en donos nómades do mundo, adormeceron paseniñamente no ruxe ruxe dos muíños das oracións, magoentos vencedores vencidos pola súa conquista”.
 
Non me extraña que Baltar Junior queira facer un Museo da Emigración na Ribeira Sacra. Aínda que para ser nómade, non hai dios que o saque da Deputación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA