Feijóo volta a Galicia para arroupar aos candidatos municipais do PPdeG

Participa nun acto este sábado en Santiago para presentar aos 313 candidatos do PP ás alcaldías galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2023 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, participarán este sábado nun acto en Santiago para presentar aos 313 candidatos populares que loitarán polas alcaldías galegas nas eleccións do 28 de maio.

O evento, que se celebrará no Multiusos Fontes do Sar de Compostela, terá por lema 'Galicia entre todos', que será tamén a consigna autonómica que empregará o partido ata os comicios municipais.

Feijóo e Rueda serán os encargados de pechar este acto no que tamén participarán catro dos 313 candidatos, un por provincia. O anfitrión e cabeza de lista en Santiago, Borja Verea, será o representante da Coruña e das cidades.

A candidata en Cambados, Sabela Fole, intervirá por Pontevedra e os municipios medianos e da costa; o alcalde de Xunqueira de Ambía e aspirante á reelección, José Luís Gavilanes, por Ourense e os mandatarios populares máis veteranos --leva no cargo desde 1979--; e a candidata en Pol, Nicole Grueira, en representación de Lugo e as novas xeracións --do 2001, é a primeira candidata da historia do PP nada no século XXI--.

Cartel do acto de presentación dos 313 candidatos do PP ás alcaldías galegas co presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, e o do PPdeG, Alfonso Rueda
Cartel do acto de presentación dos 313 candidatos do PP ás alcaldías galegas co presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, e o do PPdeG, Alfonso Rueda | Fonte: PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta