Por Erik Dobaño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2023 | Actualizada ás 21:58
Varias decenas de persoas saíron na tarde noite deste xoves ás rúas de Monforte para mostrar a súa repulsa ante o caso dunha menor presuntamente agredida sexualmente por un octoxenario, uns feitos supostamente consentidos pola súa nai, á que se investiga pola súa posible implicación na prostitución da súa filla.
Convocados pola asociación feminista Fem-Forte, decenas de persoas concentráronse baixo a choiva e nunha fría noite na Praza de España da localidade monfortina. Alí, os concentrados apelaron a tomar conciencia sobre as violencias que sofren as mulleres e chamaron a atención ás administracións e institucións para que velen polos dereitos das menores. Ademais, as portavoces da plataforma convocante puxeron o acento na necesidade de articular mecanismos para a detección de posibles casos de prostitución infantil.
DOUS DETIDOS
Dúas persoas, un octoxenario e a nai da menor, foron detidas por estes feitos, denunciados pola propia vítima, que asegura que as agresións foron consentidas pola súa nai e que comezaron cando tiña 10 anos.
Os arrestados quedaron en liberdade por orde dun xulgado de Monforte cunha orde de afastamento da menor e a prohibición de comunicarse con ela. O octoxenario está investigado por un presunto delito de agresión sexual sobre menor de 16 anos e outro de aceptación proposta prostitución. Así mesmo, a muller está a ser investigada por indución á prostitución. Ademais, os axentes céntranse agora en investigar a outros homes, todos eles de avanzada idade, por presuntos abusos á nova.
AMIGOS DE GALICIA ESTUDA PERSONARSE
Doutra banda, a entidade sen ánimo de lucro Fundación Amigos de Galicia apuntou que "a súa intención é personarse" neste caso, xa que un dos obxectivos "é a protección da infancia, sobre todo, en casos como estes en os que a familia ten conflito de intereses".
Segundo trasladaron a entidade a Europa Press, "aínda non saben nada do xuízo", pero "xa se puxeron en contacto" coa súa procuradora para que "lles informe da situación do caso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.