O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 30 aniversario cun programa de 48 accións artísticas

O centro abriu en 1993 cunha exposición de Maruja Mallo

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/02/2023 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o papel "transgresor" do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) nestes 30 anos nos que se converteu nun dos principais proxectos culturais de Galicia. Por esta efeméride, programa 48 accións específicas.

Acompañado do seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Román Rodríguez puxo en valor este espazo que recibiu 50.000 visitantes no último ano, unha cifra que buscan superar e demostra a "gran capacidade creativa e programática" detrás da actividade do centro.

O CGAC, que abriu por primeira vez en 1993 cunha exposición de Maruja Mallo, presentou este luns unha programación especial con 48 accións artísticas que encherán as salas de intervencións, congresos e exhibicións nos próximos meses.

Non en balde, o actual director do CGAC, Santiago Olmo, lembrou como a apertura do centro foi "froito dun amplísimo debate público" e homenaxeou o papel dos directores que lle precederon. Neste aniversario, o centro ofertará unha ampla variedade de cursos, actividades e talleres culturais para todos os públicos e a visita de artistas que exporán as súas obras.

UN PROGRAMA PARA TODOS OS GUSTOS

O titular de Cultura explicou a intención de elaborar unha programación "dispersa, aberta e transversal, que integre o máis conceptual con distintos ámbitos" e, salienta, atraia ao público.

Con respecto ás actividades mes a mes, destacan as intervencións específicas dos artistas Ernesto Neto, Almudena Fernández, que tamén presentará a súa exposición 'O que a pintura non é', e Suso Fandiño. Ademais, entre as exposicións cabe mencionar 'Guerrilla Girls'; 'RE-VISIÓN(S) "Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto"', de Olga Mesa; e 'A beirarrúa', por Asghar Farhadi.

O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 30 aniversario cun amplo progama de actividades
O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 30 aniversario cun amplo progama de actividades | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta