Xunta e Abanca estudan medidas para facilitar os servizos bancarios á cidadanía

Analizan tamén iniciativas para facilitar o financiamento das empresas galegas

Por E.P. | Galicia | 27/02/2023 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou co Consello de Administración de Abanca iniciativas encamiñadas a facilitar o financiamento das empresas galegas e o servizos bancarios á cidadanía.

Segundo trasladou a administración autonómica, o titular do Goberno galego mantivo cos representantes deste órgano un encontro no que tamén estivo presente o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Na reunión, detallou, analizaron as vías de financiamento para que, ben a través das liñas de apoio abertas pola Xunta como a través do financiamento directo ás empresas, o tecido produtivo conte con facilidades para a posta en marcha de proxectos que "hoxe en día son estratéxicos para o futuro da economía galega".

Doutra banda, tal e como explicou o Goberno galego, a Xunta interesouse polos servizos que a entidade financeira ofrece á cidadanía para que a sociedade galega dispoña dunha atención "de calidade, áxil e personalizada", con especial atención no que ten que ver coas persoas de idade máis avanzada ou con menos recursos dixitais e coas que residen no rural, "para que as súas circunstancias persoais ou o lugar no que residen non lles impida o acceso ás prestacións bancarias".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co Consello de Administración de Abanca
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co Consello de Administración de Abanca | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta