Atrasos e faltas de citación, a situación que denuncian pacientes con epilepsia e familiares no Sergas

Este escenario provoca que os doentes teñan que asistir a Urxencias por reiteradas crises, "sen citas posteriores"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 27/02/2023 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A Unión Galega de Epilepsia (Ugade), que representa a pacientes desta patoloxía e ás súas familias, denuncia os "atrasos e faltas de citación" nos distintos servizos de Neuroloxía do Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero máis en particular en Santiago de Compostela.

Tal e como explica nun comunicado remitido a medios, este colectivo está "a recibir reiteradas queixas" porque esta situación provoca que os doentes teñan que asistir a Urxencias por reiteradas crises, "sen citas posteriores". Aínda que cita o caso da Unidade de Epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Unión subliña que é "a tónica xeral" en todas as áreas sanitarias.

"Temos coñecemento de que pacientes suxeitos a cambios de medicación non teñen acceso ata tres meses despois, sen data, para poder axustar o tratamento", asegura Ugade. A asociación cita o caso de persoas a quen se lles cambiou o fármaco no mes de xuño, saíron da consulta "sen cita" e "con indicacións de que lle comunicarán por medios telemáticos ou telefónicos para o mes de novembro", pero "a día de hoxe seguen sen ela".

Ante este "desamparo", que provoca que tanto pacientes como os seus familiares "sofren", Ugade xa presentou unha queixa formal ante a Xerencia da área de Santiago-Barbanza a mediados de decembro, ante a cal aínda non recibiron "resposta algunha". Neste contexto, o colectivo vese "na obriga de facer pública esta situación para que a cidadanía sexa coñecedora do problema".

Centro de saúde de Galicia
Centro de saúde de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta