“Súmate á igualdade”, lema das xornadas para celebrar o 8M en Allariz

Realizaranse entre os días 8 e 19 de marzo e contemplan un amplo abano de actividades. Como novidade, o día 19 celebrarase a 1ª Carreira-marcha solidaria para a igualdade.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 04/03/2023 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A Área de Igualdade do Concello de Allariz organiza a edición número dezanove das 'Xornadas para a igualdade'.  Este ano levan por lema “Súmate á igualdade” e realizaranse entre os días 8 e 19 de marzo.

Maribel Poisa e Cristina Outeiriño tras a presentación das XIX Xornadas para a Igualdade. Foto: Dpto de Comunicación do Concello de Allariz.
Maribel Poisa e Cristina Outeiriño tras a presentación das XIX Xornadas para a Igualdade. Foto: Dpto de Comunicación do Concello de Allariz.

As actividades programadas comezarán o dia 8 de marzo ás 12:00h coa lectura do manifesto pola igualdade na Praza Maior de Allariz. Contará coa participación do alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do IES de Allariz e porán en valor a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

Na mesma xornada do 8 de marzo, reunirase a mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. Nesta reunión uniranse aos responsables locais, Julián Pardina fiscal especialista en violencia de xénero na provincia de Ourense. Acompañarao a esta reunión Maria Alida Iglesias Gil, xefa da unidade de violencia sobre a muller en Ourense. Durante esta sesión abordarán os aspectos máis importantes sobre os últimos cambios lexislativos en materia de violencia de xénero.

O venres 10 de marzo, o salón do Fogar dos Maiores de Allariz, acollerá ás 19:30h a charla de Jennifer Novoa“A muller durante a transición a través da fotografía”. Unha achega para coñecer un pouco máis o papel que desenvolveron as mulleres nesta época, sobre todo no rural.

Tamén haberá unha exposición de fotografías de mulleres de Allariz, que levará por título Matria, a súa localización será no salón do Fogar dos Maiores. Esta exposición será posible grazas a colaboración da veciñanza de Allariz. Durante os meses de xaneiro e febreiro fíxose unha recopilación de fotografías de mulleres en Allariz. Tanto a concelleira de Benestar Social, Maribel Poisa, como a técnica de Igualdade, Cristina Outeiriño, resaltaron a gran acollida da xente a esta petición e agradeceron a súa colaboración para facer posible Matria.

O 18 de marzo, haberá unha visita guiada: As mulleres de Nós percorren Allariz, e o domingo 19 de marzo ás 11:30 h. celebrarase a 1ª Carreira-marcha solidaria para a igualdade. A saída realizarase dende a Praza Maior e farase unha recollida solidaria de alimentos non perecedeiros e produtos básicos de hixiene. Para participar na carreira poderán inscribirse no teléfono 988 554 059, por WhatsApp no 683 61 46 91 ou no correo igualdade@allariz.gal, ata o 17 de marzo ás 13:00 h. Tamén o día da proba poderán inscribirse ata ás 11:00 h.

A proba consta de dúas rutas, unha de 3 quilómetros e outra de 6, que poderanse facer correndo ou camiñando, a elección de cada persoa. Haberá opción de ducharse nas instalacións da Piscina municipal antes das 13:45 horas.

Ás 13:00 h a Praza Maior será o escenario dun concerto de Brassica Rapa, unha agrupación composta na súa totalidade por mulleres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta