A Xunta quere outra xuntanza dos 3 presidentes do noroeste para impulsar o Corredor Atlántico

"Non é o que necesitamos", di sobre o cume polo Corredor Atlántico que se celebrará este luns en Xixón convocado polo Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2023 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, saúda a convocatoria do próximo cume polo Corredor Atlántico que se celebrará este luns en Xixón e á que, por parte de Galicia, acudirá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

No entanto, Rueda xa se puxo con contacto cos seus homólogos en Castela e León e Asturias, Alfonso Fernández Mañueco e Adrián Barbón, respectivamente, para insistir en reclamar unha reunión "dos tres presidentes autonómicos" do noroeste con representantes o Ministerio de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, o mandatario galego celebrou que, "despois de case mes e medio" desde o cume celebrado en Santiago, o comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, convocase este novo encontro "de alto nivel" con responsables autonómicos e empresariais.

A esta nova reunión acudirán ata 10 comunidades autónomas. "Non podo criticalo despois de pedir que se tome a iniciativa que se faga esa reunión, pero non é o que necesitamos nin demandamos", recalcou Alfonso Rueda, quen en todo caso pediu "algo máis de antelación" porque a convocatoria chegou á Xunta "esta mañá".

E é que os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León acordaran no cume de Santiago unha declaración sobre o caso específico do noroeste e, neste contexto, reiterarán á ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez, que queren unha reunión onde eles tres estean presentes.

Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León no cume para impulsar o corredor atlántico.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León no cume para impulsar o corredor atlántico.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta