División en Galicia sobre a eólica mariña; para o sector pesqueiro é un perigo e para a industria "unha oportunidade"

Confrarías tachan de afronta a localización dos proxectos de eólica mariña, que afectan onde "máis se pesca". Asime ve unha "oportunidade" para o desenvolvemento industrial de Galicia e avoga por tratar de "facer coexistir" as actividades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2023 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero, denunciou a "afronta" que supón a aprobación dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) aprobados polo Goberno central e asegurou que "afectan onde máis pescar".

Basilio Otero, xunto a outros membros do Consello Galego de Pesca, participou este xoves en Santiago de Compostela nunha reunión do Observatorio de Eólica Mariña, á que tamén asistiu o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde; representantes das consellerías do Mar e Medio Ambiente, así como do sector industrial, como a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime).

En declaracións aos medios, Otero denunciou a afectación que estes plans teñen nas zonas nas que máis faena o sector pesqueiro galego. "Houbo algunha persoa que nos dixo que para que lles mandamos datos --ao Ministerio para a Transición Ecolóxica--, porque puxeron os posibles polígonos onde máis pescaban. No canto de apartalos, centráronos aínda máis", denunciou.

O SECTOR DO METAL VE UNHA "OPORTUNIDADE"

Por outra banda, o asesor técnico do Galician Offshore Energy Group de Asime, Pedro Pérez, considerou un "fito" a aprobación destes POEM, un punto a partir do que avogou por traballar para "tratar de facer coexistir as diferentes actividades" que concorren no mar, unha liña na que, segundo indicou, acordouse seguir.

Pérez detallou que aínda que lles falta analizar "ao detalle" estes proxectos, si os ven "un punto de partida". "Agora hai que traballar en detalle para analizar como son esas zonas, que afectacións poden ter, que potencial de recursos teñen e cara a onde se poden dirixir".

O asesor de Asime considerou que o desenvolvemento da enerxía eólica 'off shore' é unha "oportunidade" para o desenvolvemento industrial de Galicia. "Vémolo como unha oportunidade de futuro e efectivamente, hai que traballar agora para que iso sexa factible e poida coexistir con outras actividades importantes que se desenvolven".

Pola súa banda, este mesmo xoves e na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu unha reunión ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que "aclare e xustifique" as zonas escollidas para o desenvolvemento da eólica mariña ao norte de Galicia. "Entendemos que non están suficientemente xustificados desde o punto de vista técnico", asegurou.

EMPRESARIOS DE LUGO APOIAN AO SECTOR PESQUEIRO

Ademais, este xoves, nun comunicado remitido aos medios, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifestou o seu apoio ao sector pesqueiro na súa preocupación ante os plans para a eólica mariña e considerou "imprescindibles" estudos de impacto exhaustivos que eviten os efectos negativos nun sector que ven "fundamental" para a economía.

Así, considera que, á vista do proposto, as zonas mariñas seleccionadas para a produción eólica entran en conflito coa actividade pesqueira que ve "prioritaria". "É inasumible para Lugo o impacto negativo que a posta en marcha destes parques terá na industria e empregos do sector pesqueiro, un dos fundamentais da economía provincial", subliña.

Plataforma eólica mariña
Plataforma eólica mariña | Fonte: Windplus

FERROL, CENTRO DA EÓLICA 

Por outra banda, a cidade de Ferrol converterase este venres, 3 de marzo, no centro da eólica mariña mundial, xa que nas instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño celebrarase o V edición do congreso internacional GOinterHUB, organizado por GOE-Asime, Windar Renovables, Navantia Seanergies e a Xunta de Galicia.

O encontro acollerá a máis de 400 participantes, representantes de empresas, técnicos e representantes de organismos vinculados coa eólica mariña, para pór en valor este tipo de xeración enerxética. Durante toda a mañá, máis de 35 relatores nacionais e internacionais debaterán sobre o estado actual da eólica mariña en Galicia, en España e o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta