A Xunta ten que esixir á concesionaria da liña de bus Ribeira-Santiago solucionar as incidencias en Rianxo

Segundo a deputada socialista, Noa Díaz, a situación é "insustentable" para os veciños, que se enfrontan a vehículos en mal estado que non fan paradas, liñas que desaparecen, autobuses cheos, e a atrasos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2023 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A Comisión 2ª de Ordenación Territorial do Parlamento de Galicia acordou, por unanimidade, instar á Xunta a que esixa á concesionaria de transporte interurbano da liña Ribeira-Santiago que solucione as incidencias que afectan os veciños do concello de Rianxo. Refírense concretamente a aquelas relacionadas co cumprimento de horarios e frecuencias e ás medidas de seguridade e hixiene nos vehículos.

Acordouse tamén situar nun lugar "visible e accesible" da páxina web bus.gal o espazo para que a cidadanía poida informar as incidencias que teñen lugar con este servizo. A deputada socialista Noa Díaz, encargada de presentar a proposta, sinalou que os veciños dos municipios de Barbanza xa trasladaron en moitas ocasións a necesidade de pór en marcha medidas que acaben cos problemas e, "a pesar de chegar a acordos parlamentarios, nada cambiou".

No caso concreto de Rianxo, apuntou, a situación é "insustentable" para os veciños, que se enfrontan a vehículos en mal estado que non fan paradas, liñas que desaparecen, autobuses cheos, e a atrasos tamén de hora e media, nalgúns casos. Pola súa banda, o nacionalista Paulo Riós indicou que se trata de "un caso puntual que pasa todos os días en todas partes". "Non hai comarca do país onde o transporte funcione razoablemente ben un número razoable de días", aseverou.

E mentres, apuntou, a Xunta continúa "empeñada en dicir que todo vai moi ben" e que é "a oposición a que inventa situacións para facer unha política de desgaste". "É a propia Xunta, xunto á concesionaria, a que fai unha política de desgaste", insistiu.

Por último, o popular José Balseiro aseverou que "a Xunta e o PP son os máis interesados en que funcione correctamente o servizo público de transporte por autobús". Nesta liña, afirmou que o Goberno galego sempre "esixe" unha solución "inmediata" ás incidencias concretas que ocorren. "Aínda que lles pese, funciona razoablemente ben. Pretenden facer pasar por norma o que son incidencias puntuais, que non representan o funcionamento xeral do bus. As incidencias son a excepción e son mínimas", remarcou.

Pleno do Parlamento
Pleno do Parlamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta