Música, poesía, cinema e talleres, entre os actos para o 8M en Ourense

Un 10% das usuarias do CIMM son menores

Por E.P. | Ourense | 06/03/2023 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense presentou unha ampla programación para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con música, talleres, poesía ou cinema, que se estenderán desde o propio día, coa celebración do acto institucional no salón de plenos, ata o 29 de marzo, co taller 'Pensar (nós) as mulleres'.

A programación, segundo asegurou o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, "terá un carácter eminentemente festivo e informativo" e celebrarase baixo a lema 'Sempre!'. As actividades incluirán contacontos en colexios de diferentes etapas educativas, música, circo, poesía e cinema, para "convidar á reflexión para seguir conquistando metas".

A encargada de relatar a programación foi Malena de Jesús, a directora do Centro de Información Municipal ás Mulleres, que alertou de que "hai conquistas" que se "dan por feitas" pero que "experimentan un retroceso" e, por iso, puxo o foco na importancia de que moitas das actividades estean orientadas a un público infantil e xuvenil, porque "cada vez son máis as que acoden aos servizos de atención do CIMM".

"Somos tres traballadoras: unha psicóloga, unha educadora e unha asesora xurídica, e cada unha encárgase dunha media de 125 casos, dos cales un 10% desas usuarias son menores", apuntou de Jesús, relatando que "o 85% do total" dos casos que atenden "en calquera idade son por violencias".

DEMANDAS

Aínda así, a pesar do avance, non o considera suficiente e reivindicou "unha maior dotación" nos CIMM. "É unha demanda repetida unha e outra vez, pero hai que dotalos de profesionais que traballen a xornada completa", manifestou Malena de Jesús

A responsable asegurou que "non dá tempo", porque unha medida de atención a unha persoa que se presenta na institución "é de dúas horas con cada unha". Por iso, apuntou directamente ás administracións, e en especial á Administración autonómica, sinalando que "é unha situación que non se resolve con convenios, porque é porlle tiritas ás feridas".

Manifestación 8M en Ourense
Manifestación 8M en Ourense | Fonte: Arquivo

PROGRAMACIÓN

En canto á programación dos actos; o cartel, deseño do estudo da artista ourensá Patricia Joga, representa "as diferentes facetas nas que a muller reivindica o seu espazo e visibilidade", dunha forma especial nas ciencias e nas artes.

A primeira das actividades será a lectura do manifesto do Día Internacional da Muller, o propio 8M ás 12,00 horas no Salón de Plenos. A partir de aí, o xoves, día 9, contacontos en distintos centros de educación infantil, primaria e secundaria da cidade e, ademais, a entrega do premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades. O venres haberá máis contacontos nos colexios e un concerto de The Tetas Band e Broken Peach na Praza Maior.

A semana seguinte, o martes 14 de marzo, na Casa da Cultura emitirase ás 20,30 horas 'A revolución bailando'. O mércores haberá teatro no Principal coa obra 'Circando' de Isabel Risco ás 20,00 horas e o xoves un taller na Concellaría de Igualdade ás 17,30 e ás 20,30 horas.

A programación terminará o mércores, día 29, con outro taller no CIMM, impartido pola educadora social do mesmo, Ana Pérez Cardoso, ás 17,30 horas e a 20,30 horas e coa presentación do libro e do vídeo 'O rueiro que queremos: feminino e plural', ás 19,00 horas na Sala Valente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta