Morre Salvador García-Bodaño, un dos grandes activistas culturais nos anos escuros da ditadura

Pesar no mundo da cultura pola morte do poeta, escritor e académico.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/03/2023 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega e boa parte do mundo da cultura de Galicia expresou xa o seu fondo pesar polo pasamento do escritor e académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui, de 87 anos, unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50. 

Salvador García-Bodaño
Salvador García-Bodaño | Fonte: RAG.

García-Bodaño soubo, “coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”, en palabras do seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova (1942-2022). De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura. Como membro da RAG, foi vicesecretario da institución durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro (2001 – 2009).

COMPROMISO 

 

O académico foi un destacado animador de proxectos culturais dende a mocidade e  comprometeuse politicamente a prol da democracia dende aqueles anos do franquismo. Participou nos últimos faladoiros literarios do desaparecido café Español, estableceu amizade co mocidade que pulaba pola defensa dos valores culturais e históricos de Galicia e foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira durante a ditadura de todas cantas en Galicia se dedicarían despois a reivindicar a lingua e a cultura galegas. Nos primeiros anos 60 formou ademais parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor na clandestinidade do Partido Socialista Galego (1963), do que foi secretario de información e propaganda.

 

Entre as imaxes para a historia das letras contemporáneas galegas queda xa a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no salón artesoado de Fonseca canda Xohana Torres (1931-2017), Arcadio López-Casanova (1942-2002) e Carlos Casares (1941-2002). Os catro amigos que participaron no recital da homenaxe a Rosalía de Castro confirmaríanse co tempo como figuras senlleiras da literatura galega e chegarían a ser membros da RAG.

Malia nacer á beira do mar de Vigo, en Teis, foi en Santiago de Compostela, a cidade que o acolleu dende neno, onde construíu o seu espazo vital e literario. Nela deuse a coñecer, mentres estudaba Dereito, como membro da xeración das Festas Minervais, certame universitario no que foi premiado en distintas ocasións. Anos despois confirmaríase como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro. Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967) foi, nun momento en que a poesía social predominaba nas letras galegas, un poemario singular, que emanaba o marcado intimismo que caracterizaría toda a produción do poeta. 

RECOÑECEMENTOS

Case unha década despois chegaría Tempo de Compostela (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Desta volta a protagonista era o seu terceiro elemento de atención poética, Santiago de Compostela, retratada cun alento entre épico e lírico que constituíu unha auténtica novidade na literatura dedicada á histórica cidade. 

Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento foi recompilada en Obra poética (Espiral Maior), volume que incorporou ademais un cancioneiro inédito, Poemas de amor a Xulia, e poemas soltos recuperados baixo o título As palabras e os días.

Neses anos, García-Bodaño, sen abandonar a poesía intimista, experimentou nunha liña distinta de carácter urbano e irónico que deu a coñecer na plaquette Pegadas no alcatrán (Boletín Galego de Literatura, 1994), que preludiaba a altura e modernidade poética alcanzados co seu anovador Cidade virtual (Biblos, 2003).

O diálogo coa arte foi outra vertente notable da obra poética dun home con gran formación plástica, expresado en títulos como 37 debuxos para un país (Ediciós do Castro, 1985), unha colección de breves poemas en prosa que acompañan a obra gráfica de Felipe Criado; e Compostela (1989), con gravados de Alfonso Costa; ou o propio poemario Cidade virtual, no que acompañou os verso con ilustracións da súa propia autoría. Os seus poemas foron traducidos ao inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán, ou árabe e aparecen recollidos nas máis sobranceiras antoloxías da lírica contemporánea de Galicia.

TRADUCIÓN E XORNALISMO

Alén da creación literaria,  Salvador García-Bodaño cultivou ademais a tradución, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), sobre as páxinas que George Borrow dedicou a Galicia no seu The Bible in Spain (1843); e exerceu a crítica literaria, a crítica de arte e o xénero biográfico profundando na obra e mais na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira.

A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria.  Nos anos 60 coordinou a sección “Páxina de Letras” do xornal El Correo Gallego, onde máis adiante publicaría durante moito tempo unha columna dominical sobre temas culturais e de actualidade, baixo o título “De onte a hoxe” e, despois, “No pasar dos días”. Colaborou tamén coa posta en marcha de Teima. Revista galega de información xeral (1976-1977) e publicou colaboracións noutras cabeceiras como La Voz de Galicia e El Ideal Gallego.

A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012). Na súa Compostela de acollida, nos últimos anos os seus versos inscribíronse no Xardín das Pedras da Biblioteca da USC (2020) e foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago (2021).

"FONDO PESAR" NO ATENEO DE SANTIAGO 

O Ateneo de Santiago expresou este martes o seu "fondo pesar" polo falecemento do seu presidente honorario, o poeta e escritor Salvador García-Bodaño, que foi un dos impulsores da recuperación do Ateneo de Santiago na súa nova etapa, tras presidilo nos anos 80. De feito, volveu ocupar o cargo de presidente durante 13 anos (2008-2021) e tras ser relevado por Manuel López-Rivadulla foi nomeado presidente honorario da entidade.

"Salvador García-Bodaño desenvolveu o seu labor á fronte do Ateneo de Santiago con dedicación, lealdade e compromiso coa cidadanía, posibilitando o crecemento e consolidación da entidade como un referente cidadán, cunha imaxe e prestixio derivado do bo-facer no impulso de actividades de amplo espectro, abertas ao conxunto da sociedade compostelá", apunta o Ateneo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta