Aurora West, heroísmo e legado

David Rubín presenta estes días "El momento de Aurora West", unha aventura xuvenil producida en colaboración co historietista norteamericano Paul Pope. Aínda que nun formato menos espectacular que o dos seus traballos recentes, a obra reúne as virtudes coñecidas do artista ourensán ao tempo que supón a súa primeira experiencia no mercado norteamericano.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 18/01/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Título: El momento de Aurora West; Autor: Paul Pope, J.T. Petty e David Rubín;

Editorial: Random-House Mondadori; Ano: 2014

A principios do pasado 2014 publicábase Battling Boy, o máis recente traballo de Paul Pope, un autor norteamericano cunha extensa traxectoria no eido do cómic independente, aínda que tamén con incursións esporádicas no cómic comercial. O título revelábase coma unha posta ao día do relato heroico no que as premisas máis clásicas (héroes contra bestas) convivían con ingredientes propios de xéneros máis modernos, coma o pulp ou os superheroes. Do mesmo autor chéganos agora El momento de Aurora West, cabeceira consagrada a ampliar o universo de Battling Boy e para a que Pope quixo contar coma debuxante cunha primeira figura do cómic galego, David Rubín.

Pope confesa que foi mentres Battling Boy estaba en proceso de elaboración cando se decatou do potencial do personaxe de Aurora West, que tiña asignado un rol secundario, e decidiu que a súa historia debería ser contada. Mais os seus compromisos, principalmente a elaboración do segundo tomo da serie principal, impedíanlle ocuparse el mesmo de todas as facetas de produción, polo que escribiu o guión en colaboración co escritor J.T. Petty e buscou un debuxante que se ocupara do apartado gráfico. E o elixido foi David Rubín.

Non resulta difícil buscar coincidencias entre a obra de Pope e a de Rubín. De feito, son moitos os aspectos de Battling Boy que lembran a El Héroe, título senlleiro de David Rubín no que o artista ourensán revisaba libremente o mito de Heracles. Ambos os dous rexeitan as versións cínicas e desmitificadoras dos relatos heroicos apostando pola emoción pura e o sentido de marabilla. E malia que é difícil falar de semellanzas entre dous autores de debuxo tan persoal, si existe unha certa afinidade de estilo entre ambos.

552139_396151673825712_999837618_n

En El momento de Aurora West, como en Battling Boy, a aprendizaxe da tarefa heroica funciona como metáfora da entrada na idade adulta. Naquel título os personaxes principais formaban parte dunha estirpe semidivina para os que o comportamento heroico era unha obriga que se transmitía por vía dinástica e que o rapaz protagonista debía confrontar en solitario. Fronte a isto, El momento de Aurora West relata a educación da rapaza protagonista a cargo do seu pai, Haggard West, o campeón da imaxinaria cidade de Arcópolis. Hai un acompañamento, un pai que transmite á súa filla un legado inmaterial, a idea de heroísmo entendido como axuda aos demais. Se na obra precedente primaba o alento mitolóxico, desta volta apélase a versións máis recentes do relato aventureiro, como a novela decimonónica (as pasaxes que transcorren en Exipto ou o nome do protagonista, Haggard, resultan ben significativos), o pulp ou o cómic  de superheroes.

É probable que o máis salientable da obra sexa a habelencia de Pope para empregar unha dobre linguaxe que permite que tanto lectores xuvenís coma adultos poidan gozar coa súa lectura. A elección dunha protagonista adolescente, coa súa predicible necesidade de autoafirmación, reforza o atractivo para o público máis novo. Toda a trama pode lerse como un relato de aventura, cunha elemental confrontación entre o ben e o mal á que se lle engaden elementos propios das historias de instituto. O formato elixido (dimensións reducidas, branco e negro), moi semellante ao que emprega habitualmente o cómic máis lido pola mocidade, o manga, reforza a accesibilidade para o público novo. Diríase que Pope se propón deseñar unha obra que poida resultar atractiva ao lector xuvenil sen caer nas eivas frecuentes deste tipo de narracións: a estandarización, o exceso de simplicidade ou o didactismo. Ao mesmo tempo, a obra ten atractivo abondo (reciclaxe de conceptos, mestura de xéneros,  homenaxes máis ou menos explícitas) para que un lector con máis bagaxe poida gozar da súa lectura.

552139_396151673825712_999837618_n

O labor de Rubín atópase moi mediatizado polo formato elixido, especialmente se o comparamos co dos seus traballos máis recentes. Tanto en El héroe coma en Beowulf, Rubín dispoñía dunhas dimensións de páxina que lle permitían despregar un grafismo grandilocuente, repleto de imaxes espectaculares, de xogos narrativos vistosos e cun coloreado que contribuía a encher de matices a experiencia lectora. Nada diso é posible en El momento de Aurora West, cuxas características formais esíxenlle ao debuxante unha maior contención: diminuír o número de cadriños por páxina e primar a fluidez no relato. O regreso ao branco e negro non supón un problema para Rubín, que empregou este acabado en gran parte da súa obra e ao que sempre soubo tirarlle partido. Aínda que menos exuberantes, as páxinas resultantes conservan  as restantes virtudes dos lapis do ourensán: a forza, a expresividade, a claridade expositiva.

Con cada vez máis obra traducida en Europa, El momento de Aurora West é o primeiro traballo que Rubín publica en Estados Unidos, mais non será o derradeiro. Para novembro deste ano está anunciada The fall of the house of West, continuación e peche desta saga, mentres que nuns meses verán a luz tamén as versións para o mercado norteamericano de El Héroe e Beowulf, os seus traballos anteriores. Confírmase, xa que logo, o seu excelente momento creativo ao tempo que se abre unha nova etapa na súa carreira.


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA