Recoñecen á xastra Cloti Vaello co Premio de Honra Marisa Soto

Vaello traballou para a escena galega e para series como "Libro de familia"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 07/03/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) resolveu recoñecer á xastra Cloti Vaello co Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que o colectivo teatral premia o labor de persoas e institucións en favor do sector escénico.

A xastra Cloti Vaello, recoñecida co Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia
A xastra Cloti Vaello, recoñecida co Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia | Fonte: Europa Press

O galardón entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebra o 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña. Co premio a Cloti Vaello, a AAAG recoñece o esforzo das profesións "invisibiles" que, a pesar de ser imprescindibles para a escena, desenvólvense lonxe dos focos e sen o aplauso do público.

TEATRO, CINEMA E TELEVISIÓN

Cloti Vaello (Ribeira, 1955) formouse en modistería feminina e sastrería masculina desde os 13 anos de idade, e tras anos de formación e traballo, encamiñou o seu oficio cara á creatividade no mundo da escena. Durante 40 anos exerceu como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente, e traballou tamén en producións televisivas e cinematográficas.

Vaello comezou a súa traxectoria da man de Roberto Vidal Bolaño e César Lombera en 1979, e entre 1998 e 2008 formou parte do equipo de xastrería da aula de teatro da USC e do Centro Dramático Galego. Ao longo dos anos tamén traballou para as principais compañías privadas así como para o Centro Coreográfico Galego e para outras compañías de danza.

O seu labor tamén deixou pegada en series como Libro de Familia ou As Leis de Celavella, en programas como Historias de Galicia, documentais, ou en proxectos desenvolvidos por aulas de teatro universitario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta