Por Galicia Confidencial | Allariz | 11/03/2023 | Actualizada ás 10:00
O plan que prepara o Concello de Allariz para consolidarse como referente do turismo sostible será presentado na convocatoria extraordinaria do programa Plans de Sostibilidade Turística en Destinos 2023. Os proxectos que se acollen a esta iniciativa están financiados na sua totalidade con fondos Next Generation procedentes da Unión Europea e integrados no Plan de Recuperación Transformación e Resilencia deseñado dende o Goberno Central.
Neste contexto realizáronse unha serie de consultas e reunións con axentes turísticos de Allariz para recoller suxestións e concretar as liñas de accións. As propostas teñen que encaixar nos diferentes eixos nos que se estrutura a convocatoria: transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.
MEDIOAMBIENTE E DIXITALIZACIÓN
A rexeneración ambiental da contorna do río Arnoia, a renovación de instalacións en equipamentos turísticos locais buscando a eficiencia enerxética ou a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos son algunhas das propostas contempladas para este plan para Allariz.
O eixo dixitalización conta con varias medidas que van dende un plan de marketing, colocación de sinalización intelixente ou asesorías personalizadas con liñas de axudas para a modernización dos sectores locais de aloxamento, restauración, comercio e artesanía.
No apartado de competividade, os obxectivos nos que se está a traballar dende o concello son consolidar o posicionamento de Allariz como referente turístico do interior de Galicia así como a mellora da oferta local nun mercado cada vez máis orientado cara a calidade, a sostibilidade e a dixitalización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.