O Goberno central aprobou polo menos oito parques eólicos rexeitados pola Xunta

O Executivo di que a avaliación ambiental "non atende a mecanismos de plans estratéxicos" de planificación enerxética autonómicos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 08/03/2023 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O Goberno central deu 'luz verde' á declaración de impacto ambiental de polo menos oito parques eólicos que xa foran rexeitados previamente pola Xunta de Galicia. Así o sinalou o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Alfonso Morán, tras ser preguntado na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso dos Deputados polo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego.

En concreto, o deputado nacionalista cuestionou a Morán sobre se o Ministerio respectaría as competencias do Executivo autonómico descartando a autorización de ata 65 proxectos de parques eólicos informados negativamente pola Xunta e que despois aumentaron a potencia prevista para poder acollerse á normativa "laxa" estatal.

Ante esta pregunta, Morán explicou que a avaliación ambiental "non atende a mecanismos de plans estratéxicos" de planificación enerxética autonómicos, senón que só atende especificamente aos impactos ambientais dos proxectos presentados.

Neste sentido, cifrou en 40 os proxectos que se atopan nesta situación, dos cales ata a data oito superaron de forma positiva a avaliación de impacto ambiental, mentres que nove foron valorados de forma negativa ou se arquivaron. Ademais, outros 17 están na actualidade en avaliación e seis aínda non comezaron o proceso. "En cada un dos proxectos, unha vez remitida por parte da Administración competente as valoracións ambientais é cando se avalía o proxecto", engadiu.

COMPARECENCIA

Antes, Hugo Morán compareceu a petición propia nesta Comisión, onde defendeu as últimas normativas postas en marcha polo Goberno para axilizar os proxectos de enerxías renovables e reducir a burocracia necesaria para os procedementos ambientais das mesmas.

Segundo el, estes textos "en ningún caso" permiten reducir as esixencias ambientais necesarias para o establecemento destas infraestruturas, pero si facilitan que leve a cabo de forma máis acelerada e así despregar por todo o país fontes de enerxía limpa.

Parque eólico de Greenalia
Parque eólico de Greenalia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta