A Lei de Familias estatal "obrigará a retirar" o certificado a 2.000 familias monoparentais segundo a Xunta

A lei galega recoñece como monoparental "a aqueles proxenitores cunha custodia exclusiva, reciban ou non pensión de alimentos ao entender que se enfrontan aos mesmos problemas de conciliación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu este xoves ante a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para informar o impacto que tería na Comunidade o anteproxecto da futura Lei de Familias aprobado polo Goberno central en decembro e polo que, asegura, haberá que retirar o certificado acreditativo a 2.000 familias monoparentais.

Durante a súa intervención cualificou o texto de "decepcionante" e aseverou que terá "importantes consecuencias" para case 2.000 familias monoparentais galegas, "que perderán esa categoría e non poderán acceder aos seus beneficios". Segundo explicou, este borrador "limita" o concepto de familia monoparental a aquelas familias cun só proxenitor recoñecido ou cun proxenitor que ten custodia exclusiva e non ten dereito a unha pensión de alimentos.

Así, lembra que a lei galega recoñece como monoparental "a aqueles proxenitores cunha custodia exclusiva, reciban ou non pensión de alimentos ao entender que se enfrontan aos mesmos problemas de conciliación". Rey informou tamén de que Galicia presentou xa varias alegacións para evitar "esta e outras consecuencias da lei" e lamentou que o Executivo estatal "negouse a convocar grupos de traballo coas Comunidades Autónomas para acordar o seu contido".

Tamén presentaron alegacións pola eliminación do concepto de familia numerosa, "que afectará a 27.000 familias que teñen o título oficial expedido pola Xunta", para a inclusión das persoas tuteladas a efectos de familia numerosa ou monoparental e incluír ás familias acolledoras temporais tamén a estes efectos.

Apunta tamén que o anteproxecto non recolle varios dos anuncios efectuados polo Goberno. Insiste en cualificalo de "decepcionante" porque "non amplía os permisos de maternidade e paternidade das 16 ás 24 semanas, nin inclúe a nova renda universal por crianza de fillos ata o tres anos, nin tampouco o permiso parental de oito semanas para o coidado de fillos de ata oito anos ou a equiparación das familias monoparentais coas numerosas".

A OPOSICIÓN VE PARTIDISTA A COMPARECENCIA

Tanto o grupo socialista como o do BNG acusaron á Xunta de utilizar o Parlamento como "salga de prensa", cualificando a análise do anteproxecto de "partidista" e co obxectivo de "sacar rédito político".

Os socialistas remarcaron que o texto "responde" os compromisos internacionais de España coa Unión Europea para mellorar o apoio ás familias e que se trata dun marco normativo "que se pode ampliar e mellorar", mentres que os nacionalistas reivindicaron que "o autogoberno está para outra cousa". "O maior problema do autogoberno deste país son vostedes", afirmou Olalla Rodil.

Votación no Parlamento
Votación no Parlamento | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta