"O modelo BNG" nos concellos, eixe da campaña dos nacionalistas para as municipais

Darán comezo á precampaña cun "gran acto" o 26 de marzo en Santiago de Compostela

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 10/03/2023 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

O BNG porá en valor o seu "modelo" nos concellos como idea central da campaña das municipais do próximo 28 de maio. Así, segundo avanzou Olalla Rodil en rolda de prensa, nesta campaña utilizarán dous lemas diferenciados nos lugares nos que son oposición e nos que forman parte do goberno.

Deste xeito, nos primeiros, a idea central será que eses concellos "merecen moito máis". Neste sentido, poderanse ver carteis coas caras da cabeza de lista acompañados do nome do Concello e a lema 'Merece moito máis!'. Como exemplo, Rodil sinalou municipios como Santiago de Compostela ou Betanzos.

No caso dos concellos nos que gobernan, a intención é trasladar "unha idea de continuidade do proxecto de goberno", baixo a lema 'Máis por vir!', tamén acompañado da fotografía da cabeza de lista correspondente. Estas opcións poderanse ver, tal e como destacou, en localidades como Pontevedra ou Ribadeo.

Rodil asegurou que estes comicios supoñen "un enorme reto", que preparan co obxectivo de "conseguir un resultado histórico" e co convencemento de que van ser "a forza política que máis creza". "Saímos a por todas, con espírito gañador, con toda a humildade e coa máxima ambición para obter máis alcaldías, gobernos, e concelleiros", reivindicou.

Para iso, explicou que a campaña estará enfocada na "posta en valor do modelo BNG nos concellos", que son "referencia en toda Galicia" e que apostan por "a mellora da calidade de vida" ou "pola dinamización económica e social das localidades".

TRES IDEAS

Trátase dun modelo "claro e coñecido" e que ten como basee "tres ideas fundamentais". A primeira, relatou, que "o modelo BNG é sinónimo de rigor e xestión"; a segunda, "o coñecemento da realidade e do seu potencial"; e a terceira, "pór ás persoas no centro das políticas".

ACTO O DÍA 26

Así mesmo, Rodil avanzou que, "para pór todo a funcionar", van organizar un "gran encontro" o vindeiro domingo 26 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

Alí reuniranse unhas 1.500 persoas entre candidatos, simpatizantes e representantes do BNG. Os nacionalistas esperan que sexa "un gran acto" co que dar comezo a "unha intensa precampaña" cara ás municipais, nas que se mostran convencidos de que serán "a forza que máis some".

A deputada do BNG Olalla Rodil presenta as lemas de campaña dos nacionalistas para as eleccións municipais
A deputada do BNG Olalla Rodil presenta as lemas de campaña dos nacionalistas para as eleccións municipais | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta