'O corpo aberto' e 'Rapa', favoritas na XXI edición dos Premios Mestre Mateo

Ourense acolle hoxe o evento, con 101 finalistas en 26 categorías

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/03/2023 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá este sábado a XXI edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e á que acoden como grandes favoritas a serie 'Rapa', cun total de 19 candidaturas, e a película 'O Corpo aberto', con 16.

UN TOTAL DE 101 FINALISTAS

Os 101 finalistas entre as 26 categorías dábanse a coñecer en febreiro. Tras 'Rapa' --produción máis votada entre as 194 presentadas ao certame-- e 'O Corpo Aberto', sitúanse a película 'Código Emperador', con oito candidaturas, e a longametraxe de animación 'Unicorn Wars', con seis.

De entre todos os profesionais finalistas nesta XXI edición, Alberto Vázquez acumula tres candidaturas polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de 'Unicorn Wars'; as mesmas que Jorge Coira pola montaxe de 'Código Emperador' e pola dirección desta mesma película e da serie 'Rapa'.

Precisamente, 'Rapa' competirá contra 'O Corpo Aberto' por levar premios nas categorías de interpretación, mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e barbaría, montaxe, son e vestiario.

En concreto, en 'Rapa', Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas a mellor interpretación feminina secundaria, mentres que Lucía Veiga e Mónica López optarán ao de mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes secundarios e Javier Cámara como protagonista.

En 'O Corpo Aberto', Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán por ser mellores actores de repartición e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como protagonistas.

As candidaturas de interpretación complétanse cos traballos de Denis Gómez (repartición) e Luis Tosar (protagonista) en 'Código Emperador'; e Manuel Manquiña (protagonista) en 'O home e o can'.

O premio á mellor longametraxe disputarase entre 'O Corpo Aberto', 'Código Emperador', 'Live is Life' e 'O home e o can'. Ademais, tras oito edicións sen presenza de películas de animación, este ano haberá dúas: 'Valentina' e 'Unicorn Wars'.

Pola súa banda, as finalistas a mellor documental son catro: 'A foreign song', 'María Casares. A muller que viviu mil vidas', 'Non somos nada' e 'Onde máis doe'.

TELEVISIÓN

Na categoría de mellor serie para a pequena pantalla haberá dúas producións emitidas pola Televisión de Galicia, 'A lei de Santos' e 'Saudade de ti', ás que se suman outras dúas emitidas por 'streaming', que son 'Operación Marea Negra', de Amazon Prime Vídeo, e 'Rapa', de Movistar+.

En mellor serie web compiten 'Delicias amargas', 'Historias vageniales', 'Prigandas' e 'Terapia de'.

Ademais, Esther Estévez, Simone Saibene, Xosé A. Touriñán e Mario Brión Toucedo son os finalistas a ser o mellor comunicador. O tres primeiros tamén compiten por alzarse co galardón ao mellor programa con 'Dígocho Eu', 'Cinephilia' e 'Catro Gatos', á parte de 'Clac'.

Tamén en televisión, á mellor realización son finalistas Rubén Veiga por 'Malo Será!', Simón Casal de Miguel por 'Artificial Justice', Simone Saibene por 'Cinephilia' e Jairo Iglesias por 'Catro Gatos'.

Así mesmo, as candidaturas a mellor videoclip son 'A quincena do Apóstolo' de Boyanka Kostova, 'Cobiza' de A Banda da Loba, 'Noa' de Guadi Galego e 'Pano Corado' de Tanxugueiras.

Presentación da XXI Edición dos Premios Mestre Mateo
Presentación da XXI Edición dos Premios Mestre Mateo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta