Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2023 | Actualizada ás 17:24
CSIF denuncia "o excesivo atraso" da Consellería de Facenda nas oposicións e nos concursos de traslados, "co grave prexuízo" para os aspirantes. Nun comunicado, asegura que este atraso "só afecta ás xestionadas pola Dirección Xeral de Función Pública, dependente da Consellería de Facenda, en contraposición cos xestionados polas Consellerías de Educación e Sanidade, a pesar de convocar estas dúas últimas un volume moi superior de prazas para opositores".
No ámbito de Facenda, advirte, a resolución das oposicións de acceso libre "pode chegar a demorarse máis de catro anos desde que son convocadas ata que o aspirante chega a ocupar o seu posto de traballo". Nas oposicións de promoción interna, nas que o funcionario, apunta, "adoita quedar no seu mesmo posto de traballo e o número de postos convocados son mínimos", a demora sitúaa como "superior a un ano".
A este respecto, lamenta que "son moitas as chamadas que recibe CSIF de opositores desesperados, que pasan apuros para pagar o aluguer, con ameazas de desafiuzamentos, ou que ten que recorrer ao banco de alimentos para poder cubrir as necesidades dos seus fillos".
"Opositores que se queixan da situación de incerteza e angustia á que os somete Función Pública co excesivo atraso na resolución das oposicións", censura.
URXE MEDIDAS
Por iso, reitera "a necesidade, xa manifestada a Función Pública, de implantar de maneira urxente medidas que poñan fin á excesiva dilación das oposicións convocadas pola Consellería de Facenda". Entre outras, menciona a creación de tribunais especializados, a simplificación dos procesos selectivos, así como un "novo e actualizado" regulamento de funcionamento dos tribunais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.