Grecia é Europa

Foron dúas premonicións. A primeira, o venres. Unha amiga moi especial convidoume a xantar con motivo do seu aniversario; ao entrar no restaurante baionés soaba o syrtáki, a danza de Zorba, creada, en 1964, por Mikis Teodorakis. Un dos seus moitos éxitos. Anos máis tarde, na metade dos oitenta, puiden escoitalo, en directo, asombrado, no pavillón vigués de Castrelos, dirixindo un espectacular e numeroso grupo de músicos, voces e coros suecos interpretando o Canto General de Pablo Neruda. Ficaron para sempre na memoria as poderosas voces de Maria Farandouri e de Petros Pandis e o numeroso coro, de entre o cal, erguidas por mans nórdicas, emerxeu, como faro salvador, a bandeira galega iluminada cunha estrela vermella no momento máis intenso do concerto, xa cara ao final.

Por Carlos Méixome | Nigrán | 05/02/2015

Comparte esta noticia
A moitos quedounos gravada a imaxe daquel xigantón de guedellas ensarilladas, vestido de pantalón e camisa preta, partisano contra  o réxime de Metaxas, os fascistas e os nazis; deputado da esquerda; na clandestinidade contra a “ditadura dos coroneis”, detido, torturado,  desterrado, exiliado. Tras a caída dos “coroneis”, ministro nunha singular alianza contra o PASOK, entre o  centro dereita e os comunistas do KKE. Nos últimos anos encabezou múltiples manifestacións contra o goberno heleno, as  políticas de austeridade e  a troika; de moitas delas tivo que ser retirado polo perigo que supuñan para a súa avanzada idade os  gases lacrimóxenos que guindaba a policía sobre as cabeceiras das manifestacións. 
 
Por certo que aquel concerto de Teodorakis como outro de Llach foran organizados polo nacionalismo activo na cidade.
 
Hoxe, domingo, 25 de xaneiro de 2015, pola mañá, como non podía ir votar pola Syriza, fun dar unha volta polo que un día foi o magnifico areal de Samil e, segunda premonición, os ollos batéronme, sen querer, cunha rotonda. Vigo e as súas rotondas!!!. Esta ocupada polo bronce que representa  unha muller cabalgando, non podía ser doutro xeito ao ser o seu autor o finado Juan Oliveira, sobre un touro e portando unha bandeira. A moza, de orixe fenicia, fora raptada por Zeus mudado en touro branco, segundo a mitoloxía, ou polos minoicos, segundo Herodoto. En calquera caso foi pousar a Creta e dicíanlle Europa. Como vemos dende tempos recuados o asunto dos marcos entre Europa e Asia non estiveron moi claros. Máis claro é que o que entendemos por cultura europea ou occidental nace na Grecia arcaica e dun xeito evidente no período clásico e helenístico. Somos europeos porque somos gregos. Collémoslles case todo, menos a relixión, e así nos foi. O seu máximo deus era quen de transmutarse no que fose para conseguir a muller que desexaba a pesar dos enfados de Hera. E agora a darlle voltas ao pecado.
 
Somos herdeiros daquela Grecia orixe de case todo, entre outras cousas do teatro e da democracia. O amigo e compañeiro, profesor Fernando Pérez-Lozao traduciume hai algún tempo un anaquiño da Suplicantes de Eurípides (339-463). O Heraldo pregunta polo rei para anunciarlle a mensaxe de Creonte que goberna o país de Cadmo (por certo irmán de Europa e fundador de Tebas). Teseo respóndelle:
 
En primeiro lugar, deches comezo en falso ao teu xuízo, estranxeiroao buscar aquí un rei: pois non é gobernada
por un único home a cidade, senón que é libre.
O pobo é o único soberano por sucesivas quendas
anuais, e non se concede ao rico
o máis importante, senón que o pobre ten igualdade.
E aínda máis adiante Teseo volve replicarlle ao Heraldo do rei Creonte:
 
Nada hai máis adverso para un estado que un rei
porque, en primeiro lugar, non hai leis comúns,
e goberna un só, administrando a lei el mesmo
 
para si mesmo: e isto de ningún xeito é equitativo.
Ao estar escritas as leis, tanto o débil
como o rico teñen igualdade de dereitos (...) 
 
Así que con estas premonicións Grecia tiña que gañar para que poida existir unha Europa democrática e social. Alexis Tsipras dicía, o 15 de maio de 2013 en Zagreb, nun debate con Salovj Žižek e o mozo croata Srećko Horvat, que non estaba tan seguro de chegar a ser primeiro ministro pero o que “si sei é que se iso chegase a ocorrer nada sería igual nin en Grecia, nin na Unión Europea”. Žižek vai máis alá ao afirmar que “o combate que Syriza está a librar é o combate pola alma de Europa” e a alma é para o filósofo esloveno  “a idea do igualitarismo radical, da democracia radical, do feminismo etc...” e non do imperialismo, do colonialismo e da escravitude. Conclúe  Žižek “porque se Syriza gaña e fai determinadas cousas, iso suporá o punto final de determinadas visións conservadoras europeas”.
 
Tsipras rexeitou tan pronto soubo que sería primeiro ministro o memorando e isto vai levar a fortes tensións na UE. Pretende lograr apoios entre os países do sur, e non só do sur, para convocar un Cumio Europeo dobre a débeda pública  semellante ao que tivera lugar en Londres en 1953 onde se lle cancelou o 60% da débeda a Alemaña e aprobouse unha moratoria para o resto da débeda que estaba vinculada ao crecemento da economía. E conclúe Tsipras: “Esta é a solución europea, a solución que seguro non vai fallar. E se non é así, Europa non ten futuro”.
 
No mesmo libro do que tirei as referencias anteriores recóllese un artigo do provocador filósofo esloveno que titulou “Necesitamos unha Margaret Thatcher da esquerda”. ¿Pode ser Tsipras o líder necesario para o novo ciclo que deixe atrás o que Krugman denominou a “gran diverxencia” entre os ingresos dos máis ricos e os dos traballadores? 
 
Entre nós, cando menos, tivo momentos de fugaz éxito. Todos (IU, Anova, BNG, Podemos) apuraron a amosar os seus retratos co agora primeiro ministro grego. Só eran fotos, infortunadamente. A lección política aínda non a aprenderon.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.