Pontevedra dedicará unha rúa ao empresario Magín Froiz, fundador do Grupo Froiz

Fundou unha compañía con máis de 6.000 traballadores e 300 puntos de venda

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 20/03/2023 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O Pleno do Concello de Pontevedra aprobou por unanimidade que Magín Alfredo Froiz, empresario fundador do Grupo Froiz, conte cunha rúa co seu nome na cidade. Cando se cumpre un ano do seu falecemento, a corporación municipal pontevedresa no seu conxunto, integrada por BNG, PP e PSdeG-PSOE, votou a favor dunha moción presentada polos populares.

Na defensa desta iniciativa, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, destacou a "contribución impagable" de Froiz, que "foi un empresario que fixo de Pontevedra a súa bandeira" fundando unha compañía con máis de 6.000 traballadores e 300 puntos de venda en todo o país.

Magín Froiz, fundador do Grupo Froiz
Magín Froiz, fundador do Grupo Froiz | Fonte: Wikipedia

A concelleira do BNG, Carme da Silva, tamén coincidiu en que este recoñecemento "é necesario", xa que Magín Froiz foi sempre un "aliado estratéxico" da cidade e unha figura "fundamental" no desenvolvemento do modelo urbano pontevedrés, xa que "tivo a capacidade hai décadas de ver o que era fundamental para Pontevedra", apostando polo comercio de proximidade nos barrios.

O portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes, reprochou ao PP que presentase esta iniciativa como moción nunha "apropiación política", alegando que "saben que todos" están "de acordo", polo que poderían "falar cos grupos previamente para traer un acordo unánime da Corporación que tería engrandecido máis a figura de Froiz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta