O sector pesqueiro albisca "boas noticias" coa oposición da "maioría" de países ao plan de Bruxelas para o arrastre

Especies como o rape e o galo, que captura a frota de arrastre, supoñen na lonxa de Vigo máis do 50% da facturación

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 21/03/2023 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O sector pesqueiro respira tras o consello de ministros de pesca deste luns. Desta reunión saíron "boas noticias", segundo advirten varios portavoces consultados por Europa Press, e é que o comisario Virginijus Sinkevicius "quedou só" e "afastado" ao recibir a oposición da "maioría" de países aos seus plans para a frota no horizonte de 2030.

Non só Francia e Portugal, senón tamén Alemaña, Dinamarca e os do arco mediterráneo como Grecia, Italia, Croacia e Chipre, así como Países Baixos e Irlanda, están en contra destes plans, segundo asegura o presidente da cooperativa de armadores de Vigo (Arvi), Javier Touza.

Son, en total, máis dunha decena de países, "todos eles con mar", os que rexeitan as intencións de Sinkevicius, sinala Touza, antes de apuntar que a relevancia da opinión de estados como Austria neste asunto é "máis relativa". "O gran bloque mediterráneo e atlántico foi unánime", subliña.

"AVISO A NAVEGANTES"

"Esta unidade vai supor un aviso a navegantes", incide, para que o comisario "negocie" e "sente" cos Estados membro e cun sector pesqueiro galego que agora albisca "un raio de esperanza".

E é que as comunicacións realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro veñen sumarse ao veto á frota de arrastre en 87 zonas que se executou a finais do ano pasado polo "orden e mando" do titular de Océanos.

Agora, pretende ampliar ao 30% as zonas protexidas en augas comunitarias e eliminar de aí o arrastre, o que para o sector sería "a práctica desaparición" desta frota que xera "miles de postos de traballo en toda a cadea mar-industria". Especies como o rape e o galo, que captura esta frota, supoñen na lonxa de Vigo máis do 50% da facturación.

En todo caso, Javier Touza avisa: a proposta do comisario "non ten forza xurídica" pero "xera un estado de opinión moi negativo porque parece que o arrastre é o demo" e obvia a redución de cota, os esforzos para incrementar a eficiencia enerxética e o seu peso no abastecemento do mercado.

Embarcación da frota de arrastre
Embarcación da frota de arrastre | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta