A incerteza da eólica mariña en Galicia: consecuencias económicas e ambientais

A aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) o pasado mes de febreiro vén de abrir definitivamente unha gran fenda entre o Goberno español e gran parte dos sectores pesqueiro e ecoloxista galegos. Xa hai seis grandes multinacionais agardando, entre elas, Iberdrola, Ferrolvial ou Energy.

Por José Barros Blanco | VIGO | 21/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Existe unha concienciación social máis ou menos xeneralizada da necesidade de desenvolver unha aposta decidida polas enerxías renovables (especialmente no que se refire ao vento e ao sol). Porén a súa implantación no Estado español, e en particular en Galicia, está supoñer un foco de conflito entre o Goberno estatal, encargado de lexislar e regular sobre o cambio de modelo enerxético, e determinados sectores sociais.

Plataformas Eólicas Mariñas  IBERDROLA
Plataformas Eólicas Mariñas IBERDROLA

É o caso da eólica mariña, un tema que levaba varios meses ao abeiro do debate, e que finalmente o pasado 28 de febreiro chegou para quedar. Ese día, o Consello de Ministras e Ministros acordou a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que regularán os usos e aproveitamentos dun millón de quilómetros cadrados de mar. O documento aprobado polo Executivo de coalición abre a porta por primeira vez á instalación de parques de eólica mariña, no que o documento regulador denomina como Zonas de Alto Potencial (ZAP).

En total, os POEM servirán como elemento de xestión de cinco demarcacións: canaria, levantino-balear, do Estreito e Alborán, sudatlántica e noratlántica. Nesta última, na que se atopa integrada Galicia, sitúanse 8 dos 19 polígonos previstos para a implantación de eólica mariña, uns 2.700 quilómetros cadrados. Dos 8 polígonos, 4 están fronte ás costas galegas, mais supoñen preto de 2.200 quilómetros cadrados. En total, o litoral do país acolle case o 45% do espazo marítimo destinado á implantación da eólica mariña no Estado español.

Unha regulación que chega tarde.

O deseño e aprobación dos POEM era unha obriga imposta pola Unión Europea (UE) aos seus Estados membros con zonas costeiras. A pesar de que en decembro de 2021 o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) aprobou un documento guía para o “desenvolvemento da eólica mariña e das enerxías do mar”, a demora na aprobación dos regulamentos provocou que a Comisión Europea se puxese en contacto co Goberno español para demandar avances.

Plataforma eólica mariña flotante de Ferrovial
Plataforma eólica mariña flotante de Ferrovial | Fonte: Ferrovial

A FOLLA DE RUTA

Tal e como establece a folla de ruta deseñada polo Ministerio, o Estado español debe contar con entre un e tres xigavatios de potencia procedente da eólica mariña instalados antes de 2030. De cumprirse o obxectivo máximo, converteríase no principal produtor de enerxía renovable do conxunto da UE, con case un 40% da enerxía deste tipo. A pesar das expectativas do Goberno de Pedro Sánchez, a tardía aprobación do POEM pon en xaque estas previsións. Segundo as estimacións que manexa o sector da eólica mariña, a instalación dun proxecto destas características precisa dun período que ronda entre os seis e os sete anos. Tendo en conta que nos atopamos na primeira metade de 2023, é probable que non haxa ningún parque en total funcionamento no Estado español antes do verán de 2029, como mínimo.

Nos meses previos á aprobación do POEM, o propio Miteco sacou á luz unha primeira serie de mapas que recollían a zonificación prevista tanto para a eólica mariña como para o resto de aproveitamentos do espazo marítimo español. Porén, varios dos polígonos que aparecían recollidos nestes primeiros mapas non foron incorporados á versión definitiva do documento. Segundo a versión trasladada polo Executivo estatal aos medios de comunicación, estes cambios tiveron lugar despois dun proceso de colaboración cos gobernos autonómicos, de cara a eliminar aquelas zonas que puidesen supoñer un prexuízo ou que contasen cun rexeitamento institucional frontal.

O QUE XA SE COÑECE

Polo de agora, son nove os proxectos de eólica mariña proxectos para augas galegas. Cando menos, son nove os que xa están rexistrados no portal de documentación do Miteco, á espera de que se coñezan novos detalles sobre a implantación destas infraestruturas e novas empresas decidan dar un paso á fronte. Segundo fontes consultadas do Miteco, ningún dos proxectos “conta aínda co visto bo definitivo” para que se leve a cabo a súa aprobación definitivo. Todos eles foron presentados nos meses previos á aprobación dos POEM, despois de que se dese a coñecer a primeira zonificación provisional da eólica mariña. Neste sentido, é probable que os proxectos sufran modificacións para adaptarse aos requisitos e condicionantes que actualmente recollen os POEM.

En total, seis empresas de fóra de Galicia xa entregaron documentación á administración para levar adiante estes nove proxectos de eólica mariña. A compañía que máis présa tivo á hora de rexistrar os seus proxectos foi Iberdrola. A empresa enerxética ten previsto instalar dous parques eólicos de 35 aeroxeradores e 490 megavatios de potencia cada un. Estas dúas instalacións, coñecidas como San Brandán e San Cibrao, atoparanse fronte a Ortegal. Outras dúas empresas teñen intención de construír dous parques de eólica mariña en Galicia. Por outra banda, Ferrovial traballa para lanzar os parques Celta I e Celta II.

O primeiro atópase preto da fronteira marítima entre Galicia e Asturias, mentres que o segundo estará situado fronte á desembocadura do río Miño. Tamén nesta área prevé instalar un parque eólico a compañía Capital Energy, que a súa vez aspira a construír o parque de eólica mariña Breogán, sen que aínda se coñeza a localización específica.

Os tres parques restantes corresponden aos proxectos presentados ao Miteco polo Grupo Cobra (o parque Galdwind, con 68 aeroxeradores na costa de Ortegal e unha potencia prevista de 1 xigavatio);  Abei Energy (o único que se coñece deste proxecto e a súa denominación, Ventus, e os 40 aeroxeradores cos que contaría); e o presentado polas empresas BlueFloat Energy e Sener, o parque de eólica mariña Nordés, fronte ás costas de Ferrol e A Coruña.

Este último é ademais o máis grande dos que polo de agora están proxectados. A instalación, que constará de dúas fases, supoñerá a construción de 80 muíños, cunha potencial de 1,2 xigavatios. Sumando só a potencia de Galdwind e Nordés (2,2 xigavatios), estes dous parques duplican a potencia mínima que o Executivo español ten previsto instalar en todo o Estado. Engadindo os sete proxectos restantes, esa cifra ascende até os 5,8 xigavatios de potencia. De confirmarse todos eles e estar en total funcionamento en 2030, Galicia contaría dúas veces co máximo de potencia que o Miteco proxectaba para esa data.

En canto á posibilidade de que a Xunta poida participar activamente na capitalización de futuros proxectos de eólica mariña, opción que se aplica en moitos países nos que estas instalacións xa é unha realidade, semella estar totalmente descartada. Desde a Xunta lembran a Galicia Confidencial que a participación pública neste tipo de proxectos está vetada polo Goberno galego. Ese veto ao que fan ilusión corresponde á decisión do ex presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, de anular o concurso eólico impulsado polo goberno de PSdeG e BNG (2005 a 2009), aducindo a ilegalidade que supoñía esa mesma participación pública no accionariado.

PROXECTO DE PUNTA LANGOSTEIRA

Onde si estará presente o Goberno galego é no proxecto de plataforma experimental para o desenvolvemento de eólica mariña que se instalará en punta Langosteira, no porto exterior xestionado pola Autoridade Portuaria da Coruña. O acordo da Xunta, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, foi anunciado polo actual presidente, Alfonso Rueda, en setembro do pasado ano. Xa en febreiro de 2023, foi a Autoridade Portuaria da Coruña quen aprobou un proxecto para desenvolver un centro de investigación e construción de compoñentes de eólica mariña. O complexo situarase na zona sur do porto exterior, e a institución abriu un prazo de dous meses para que as empresas interesadas presenten propostas para formar parte do centro loxístico e desenvolver nel actividades relacionadas coas enerxías renovables.

CRÍTICAS DOS ECOLOXISTAS

Fronte aos plans institucionais e as expectativas do sector da eólica mariña postas nas costas galegas, diversos colectivos ecoloxistas, así como boa parte do sector pesqueiro e formacións políticas como o Bloque Nacionalista Galego (BNG) mostraron o seu rexeitamento frontal ao marco establecido polos POEM. O pasado 11 de marzo, centos de persoas concentráronse fronte á delegación do Goberno español na Coruña para esixir a retirada dos plans de ordenación. Na mobilización, ademais de traballadores do sector pesqueiro en Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal, estiveron presentes representantes das asociacións que integran a coordinadora Eólica Así Non e dirixentes do BNG, como a portavoz nacional, Pontón, e o deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.

Nas críticas á chegada da eólica mariña conflúen os posibles e presuntos efectos medioambientais que estas instalacións poidan ter no medio mariño e as consecuencias económicas que o sector pesqueiro asegura que sufrirá. Comezando polos argumentos medioambientais, os colectivos ecoloxistas denuncian que os polígonos destinados a eólica mariña coinciden cunha das rutas migratorias máis importantes de aves mariñas. Segundo datos manexados por organismos como a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), entre 45 e 50 millóns de aves pasan por esta zona cada ano. “Cos datos de mortalidade que manexamos na eólica terrestre, a implantación da eólica mariña sen estudar as súas consecuencias pode converterse nun crime perfecto”, apuntan. Para o SGO, a “falta de información científica sobre a importancia das aves das augas mariñas exteriores en Galicia” é motivo suficiente para rexeitar os POEM, cando menos mentres non se entreguen estudos “rigorosos” sobre o seu impacto.

Outro dos argumentos expostos é o da contaminación visual, xa que segundo os colectivos ecoloxistas a presenza de aeroxeradores supoñerá unha alteración paisaxística da contorna natural onde estean situados os parques. Porén, desde organismos como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) sinalan que, cando menos no caso galego, esta situación será pouco probable. Tal e como recollen os POEM, o polígono que máis preto está do litoral galego situarase a 21 quilómetros de distancia, o que sumado á propia curvatura do noso planeta fará practicamente imposible que os muíños sexa visibles desde a liña de costa.

CRÍTICAS DO SECTOR PESQUEIRO

En canto ás reclamacións do sector pesqueiro, o portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira, asegurou que a chegada da eólica mariña a Galicia supoñerá poñer en risco “o futuro de miles de postos de traballo”, xa que non existen estudos que corroboren que os parques deste tipo non teñan afectacións severas sobre as especies mariñas de peixes e cetáceos.

O pasado 3 de marzo, a ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera afirmou que “despois dun rastrexo moi intenso, e despois de traballar con outros Estados nos que houbo un desenvolvemento de eólica offshore, constatouse que non se pode demostrar un efecto negativo”. Fíxoo despois de presidir en Ferrol a inauguración de VI edición do Congreso internacional 'GOinterHUB', organizado por GOE-Asime, Windar Renovables, Navantia Seanergies e a Xunta. Pese a esta aseveración, Ribera matizou que as diferentes características do Mar do Norte (unha das zonas punteiras no desenvolvemento de eólica mariña) e a costa galega fan necesaria a posta en marcha de mecanismos de vixilancia nos proxectos que se desenvolvan nos vindeiros anos.

Para o sector pesqueiro, esta ambigüidade, sumada á falta de informes sobre o impacto socioeconómico que os parques terán na pesca en Galicia (que supón un 2% do Produto Interior Bruto do país) son motivos máis que suficientes para que o Goberno español retire os POEM pola falta de seguridade xurídica. Neste sentido, desde o sector pesqueiro estudan medidas legais contra os plans de ordenación, entre as que se atopan un posible recurso ante o Tribunal Supremo contra o decreto de aprobación, que de aceptarse a trámite, paralizaría a implantación dunha tecnoloxía de enerxía renovable que, tal e como coinciden todos os actores implicados, é máis necesaria que nunca, pero que non comparten nin o marco legal nin como levar a cabo esa implantación. 

Plataforma eólica mariña
Plataforma eólica mariña | Fonte: Windplus
Mapa sobre a afectación nas costas interiores de Galicia  dos eólicos mariños que afectarían ás aves mariñas
Mapa sobre a afectación nas costas interiores de Galicia dos eólicos mariños que afectarían ás aves mariñas | Fonte: Adega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 WwbU

Tratam-nos como servos; e para Madrid, Galiza só é umha colónia para saquear, e os galegos recursos para a EMIGRAÇOM.