O sindicato médico CESM cualifica de "esgotado" o modelo da sanidade pública galega e pide cambialo

O delegado de CESM Galicia en Pontevedra, Pedro Soler censurou a "autocompracencia" na que, ao seu xuízo, se instalou o goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/03/2023 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A delegación de Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) urxiu redeseñar o modelo "esgotado" da sanidade pública galega, en lugar de recorrer a "parches" que pon ao sistema nun "canellón de imposible retorno" e "non fan máis que agravar o problema".

Nunha "carta aberta ao presidente da Xunta", o delegado de CESM Galicia en Pontevedra, Pedro Soler censurou a "autocompracencia" na que, ao seu xuízo, se instalou o goberno galego, "vendendo as marabillas" do sistema sanitario público e facendo unha campaña "máis propia de gobernos totalitarios que democráticos".

Segundo advertiu, ese sistema "está esgotado e non responde ás necesidades" nin dos cidadáns nin dos profesionais sanitarios, a política de "ir pondo parches" non soluciona o problema.

Por iso, urxiron á Xunta unha "reinvención" ou un "redeseño" de todo o sistema, no que se teñan en conta os cambios da sociedade galega nos últimos anos, a mobilidade territorial, os fluxos migratorios, o aumento despoboación vulnerable ou o incremento do número de persoas que viven soas, entre outros factores.

MEDIDAS DE MELLORA

Nese sentido, expuxo a necesidade de "cumprir a obrigación moral, institucional e política" de pór a "as persoas primeiro", e responder as necesidades de pacientes e traballadores. Isto suporía, engaden, adoptar "todas as medidas de mellora de estabilidade, formativas, salariais e de prestixio social" para "recobrar o orgullo de ser sanitario con todo o que iso significa".

Do mesmo xeito, tamén esixen "devolver aos Médicos e Enfermeiras o seu papel profesional", é dicir, "que só fagan as tarefas que só poidan facer eles" e que se reasigne "todo o demais a outro persoal con diversas categorías e funcións".

A continuación, CESM reclama "profesionalizar a xestión" dunha "actividade tan complexa, altamente especializada e con gran impacto social e económico" como a sanidade, rexeitando que "siga en mans de políticos afíns e fieis, que só obedecen e atenden aos mandatos políticos e non aos intereses da sociedade. Na mesma liña, apostan pola "meritocracia" para os nomeamentos de cargos intermedios.

"Os traballadores en xeral e, sobre todo os facultativos, serán o menos endogámicos posible e con dedicación total a un só posto de traballo. Un servizo clínico enriquécese enormemente cando máis diversidade formativa hai entre os seus compoñentes", apunta o sindicato.

Para concluír, destacan que este redeseño do sistema sanitario "debe implicar novas formas na súa estrutura e no seu funcionamento". "Haberá que reformular a Atención Primaria e a súa dispersión, a dotación de recursos humanos e materiais, toda a atención de urxencias, formas de acceder á atención especializada e ás probas diagnósticas e, fundamentalmente, a atención pediátrica e obstétrica. E haberá que actuar contra a perversión da derivación a centros privados concertados", conclúen.

Reunión CESM
Reunión CESM | Fonte: CESM.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta