O PP promete no seu programa electoral "equilibrio" entre castelán e as linguas cooficiais

Feijóo avoga por promover un Pacto de Estado pola Educación e defende a liberdade dos pais a elixir o centro educativo para os seus fillos

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 26/03/2023 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O PP promete no seu programa electoral para as eleccións do 28 de maio garantir o dereito á educación en castelán, así como nas demais linguas cooficiais "baixo o principio de equilibrio e en todas as etapas educativas". Ademais, e para fomentar a convivencia e solidariedade entre territorios, di que impulsará un Plan de Linguas que fomente "o respecto mutuo e o coñecemento de todas e cada unha das linguas cooficiais".

Así se recolle no programa electoral do PP para os comicios de maio que presentou este domingo o líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola cúpula do PP e varios 'baróns' territoriais da formación.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na Coruña
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na Coruña | Fonte: M. DYLAN

No seu programa, o PP di que garantirá "o dereito á educación en castelán, lingua oficial do Estado, así como nas demais linguas cooficiais nas comunidades autónomas en que estean recoñecidas, baixo o principio de equilibrio e en todas as etapas educativas".

"Neste sentido, promoverase un Plan de Linguas que favoreza fórmulas que fomenten o respecto mutuo e o coñecemento de todas e cada unha das linguas cooficiais no noso país", reza textualmente o documento do PP, que recolleu Europa Press.

PACTO DE ESTADO POLA EDUCACIÓN

Neste capítulo de Educación do seu programa, o PP asegura estar comprometido cunha educación de calidade para todos. Para logralo, prosegue, a cultura do mérito e o esforzo é fundamental. "O contrario condena ao sistema ao descrédito, aos alumnos ao fracaso e aos profesores á frustración", agrega.

O PP di que non renuncia a ofrecer a España un marco legal "estable e duradeiro" para o sistema educativo. "Para iso, promoveremos un Pacto de Estado pola Educación, no que traballaremos por alcanzar o maior consenso posible entre todos os actores implicados no sistema".

LIBERDADE DOS PAIS A ELIXIR CENTRO EDUCATIVO

Ante os comicios do 28 de maio, o PP defende a "liberdade dos pais para elixir o centro educativo onde desexan que estuden os seus fillos, dentro das posibilidades existentes e segundo o seu modelo de escolarización, é dicir, centro ordinario, preferente ou de educación especial".

Tamén di que implantará plans de mellora para combater o abandono escolar e desenvolverá itinerarios flexibles que permitan ao alumnado escoller o camiño máis adecuado ao seu nivel curricular, á súa orientación académica e ao seu desenvolvemento persoal.

O PP considera "imperativo" seguir desenvolvendo estratexias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) para preparar ao alumnado nas competencias máis demandadas hoxe, pero tamén para o mañá.

BOLSAS E FONDOS DE PROTECCIÓN SOCIAL

Comprométese tamén a promover unha ampliación da política de bolsas. "Impulsaremos a creación de fondos de protección social nos centros sostidos con fondos públicos que permita a participación de alumnos con escasos recursos económicos en servizos e actividades complementarias", engade.

O PP, que ve a formación profesional como motor de emprego, di que ampliará o número de prazas de FP, "con especial énfase naquelas que se adapten ás actuais esixencias do tecido social e produtivo, por exemplo o industrial, co fin de atender tanto ás demandas dos estudantes como das empresas".

UNHA EBAU ÚNICA PARA TODA ESPAÑA

O PP considera que a universidade debe seguir sendo un dos puntais do sistema educativo e avoga por atopar as fórmulas para mellorar todo o proceso, "máis se cabe tras o fracaso da última Lei de Universidades aprobada polo Goberno".

Neste sentido, sinala que o primeiro punto a tratar "debe de ser a entrada, cunha proba de acceso á universidade (EBAU) única para todo o territorio nacional, cuxas condicións básicas deberán ser fixadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta