Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/03/2023 | Actualizada ás 09:00
O día de onte pechou no ILG o simposio "Medios de comunicación en linguas minoritarias – O galego e linguas minoritarias de Europa", que reuniu durante tres días a investigadores, xornalistas e activistas dedicados ao estudo e fomento dos medios de comunicación en diferentes linguas minoritarias de Europa.
As xornadas foron coordinadas por Facundo Reyna-Muniain (Centro Europeo de Asuntos Minoritarios (ECMI) / Instituto da Lingua Galega, USC) e Craig Willis (Centro Europeo de Asuntos Minoritarios (ECMI) / EU Flensburg), e tiveron lugar na Facultade de Xornalismo, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega ( ILG).
Na primeira parte, no Consello da Cultura Galega, tiveron lugar distintas mesas redondas que abordaron temáticas tan actuais para o xornalismo e as linguas minoritarias como son a súa presencia nos medios audiovisuais, os desafíos da dixitalización, as carencias na lexislación vixente ou as redes sociais e ou seu impacto nos medios. Nesta xornada participaron xornalistas e especialistas das minorías suecas en Finlandia, xermnas en Polonia e norte de Italia, húngaros en Romanía ou vascos e galegos. Entre eles estaba o director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado.
Na súa segunda parte as xornadas continuaron cun obradoiro de escritura o xoves 23, facultade de Ciencias da Comunicación e con outro de redacción o venres 24 no Instituto da Lingua Galega, ambos para a preparación dunha aplicación no programa europeo de investigación Acción COST .
O evento foi organizado polo ECMI Centro Europeo de Estudos Minoritario (Flensburgo, Alemaña) coa colaboración do ILG Instituto da Lingua Galega, Consello da Cultura Galega e os grupos de investigación Novos Medios e Estudos Audiovisuais da USC e contou co auspicio da SXPL Secretaria Xeral de Política Lingüística.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.