Os MIR galegos, da formación con exceso de gardas á inestabilidade laboral

Os Médicos Internos Residentes (MIR) prepáranse entre catro e cinco anos para exercer unha especialidade. En teoría eles e elas substituirán aos cadros profesionais que se retiren. A Consellería de Sanidade apuntaba para este ano unha oferta de 620 prazas MIR, un incremento do 70%. Con isto, como son as condicións dos MIR en Galicia?

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos (CGCOM) anunciaba en xaneiro deste ano que máis do 90% dos MIR galegos incumpría a normativa de máximos de xornada laboral. Entre estes máximos incluíanse as gardas que cumprían os residentes en Galicia máis das establecidas pola Directiva Europea sobre o tempo de traballo. O número de MIR que realizan gardas “de máis” está dez puntos sobre a media nacional, habendo casos de CCAA co 100% de MIR incumprindo as normativas europeas. Isto é un dos puntos que afectan aos Médicos Internos Residentes galegos cuxa maior preocupación está na calidade da contratación dentro do sistema público.

Médicos
Médicos | Fonte: EP

RESIDENCIA

O acceso á “residencia” faise mediante probas selectivas convocadas cada ano para as diferentes especialidades do sistema de saúde. A residencia dun MIR pode durar unha media de catro anos habendo especialidades que necesitan cinco, entre elas Medicina Interna, UCI, Cardioloxía ou Traumatoloxía entre outras.

Os titores de residentes son profesionais médicos que axudarán na formación dos MIR até finalizar o período correspondente. Estes titores existen tanto nos grandes centros hospitalarios como nalgúns centros de saúde que contan con esta figura de titor de residentes no caso de formación para Atención Primaria. Desde hai tempo os sindicatos médicos veñen denunciando a falta de remuneración para estes titores que empregan parte do seu horario en formar novos médicos e médicas.

Isto último afecta á calidade de formación para os residentes. “Consideramos necesario o recoñecemento tanto salarial como profesional da figura do titor, pois vemos que está pouco incentivada e pouco recompensada”, apunta Alejandra García unha das representantes da Asociación Mir de España en Galicia.

Unha vez que a residencia finaliza, o máis habitual é que pasen por “contratos temporais e a duración ata unha OPE é variable en función da especialidade”, sinala Yoana Besteiro da Vogalía de Médicos en Formación e/ou Licenciados nos últimos cinco anos do Colexio Profesional de Médicos de Lugo. “En Galicia tes posibilidades de quedar dentro do sistema público mais a cuestión é calidade dos contratos, son para cubrir baixas, renovacións até dous anos se fas contratacións mes a mes” di García. A incerteza nas contratacións é tal que, en moitos casos, a persoa non sabe até o último día se lle renovan a contratación.

PRAZAS, CONDICIÓNS E SALARIOS

A Consellería de Sanidade anunciaba as probas MIR con 620 prazas en total. “Un 72% máis das que se convocaban en 2009 cando gobernaba o bipartito” e un 14% máis das ofertadas en 2022 “fronte ao 4% de media das outras CCAA”, sinalaba a consellería dirixida por Julio García Comesaña. O incremento de prazas, segundo o responsable de Sanidade, obedece a que “na medicina familiar e comunitaria, é onde temos a necesidade, e onde temos que cubrir vacantes”, engadindo ademais que “nesa especialidade Galicia cobre o 100% das prazas formativas acreditadas”.

Se ben é certo que algúns centros de saúde teñen titores para residentes que busquen formarse en atención primaria, medicina familiar e comunitaria, o número de centros capacitados para estas titorías non é considerado suficiente. Iso a pesar de que “igual hai máis oportunidades laborais en lugares pequenos que en grandes áreas urbanas” sinala Alejandra García. Mais as preferencias van dirixidas maioritariamente ás áreas urbanas.

Os salarios dos MIR divídense en dúas partes: soldo base e salario de gardas. Unha e outra cantidade vanse incrementando segundo avanzan os anos de residencia, dependendo ademais do número total de gardas festivas e laborables realizadas polo ou pola residente. “O soldo base bruto de R1 é ao redor de 1180 euros e ascende progresivamente ata chegar de R4 a uns 1600 euros brutos”. No caso das gardas, “son uns 200 euros por día laborable e 300 no caso de xornada festiva e ascenden sobre esta cifra de xeito progresivo ata chegar a un pouco máis de 100 euros sobre a cifra inicial ao final da residencia” destaca Yoana Besteiro. “

O número de gardas establecido como máximo dentro do itinerario formativo do MIR son 55 por ano, sendo obrigatorias entre 4 e 6 gardas por mes, sendo o mínimo catro e o máximo sete. O aumento de gardas supón, en teoría, un incremento salarial para os residentes ante un panorama no que se apunta unha perda de poder adquisitivo do 32% entre este cadro sanitario en formación.

As peticións dos MIR actualmente é o equilibrio entre horas traballadas e salarios, o respecto aos horarios establecidos legalmente e combater a inestabilidade profesional dentro do sector médico cando xa rematen a súa residencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta