Persoal de mantemento dos helicópteros de salvamento, gardacostas e contra incendios, en folga polos salarios

Medio Rural fixa servizos mínimos en Avincis, que é o nome que ten Babcock (antiga Inaer) tras comprala un fondo britántico

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Persoal de mantemento de seis helicópteros que proporcionan servizos aéreos de emerxencias en Galicia (dúas de salvamento marítimo, dous de gardacostas e outros dous contra incendios forestais) está chamado á folga desde a semana pasada para reivindicar á empresa unha mellora nos salarios, así como avances na negociación dun convenio que leva anos "estancada".

En concreto, os traballadores chamados a este paro que se desenvolve durante varios días dos próximos meses na comunidade galega son unha vintena e pertencen a Avincis, aínda que na práctica esta medida reivindicativa non ten efecto, por uns servizos mínimos do 100% que, segundo denuncia o coordinador do SLTA (Sindicato Libre de Traballadores Aéreos), Enrique Durán, lles "coarta moitísimo".

En declaracións a Europa Press, Durán subliña que os gobernos, tanto o central como o autonómico (algúns dependen do Executivo central e outros da Xunta), "deberían tomar cartas no asunto", posto que se trata de contratos "de alto valor social e económico" polos que empresas como esta, afirma, "teñen collida do pescozo á administración" sen atender ás condicións dos traballadores.

A folga está convocada a nivel estatal na firma Avincis, que é como se chama agora Babcock (antiga Inaer), tras ser comprada polo fondo británico Ancala Partners, o mesmo que é socio de Ence.

AFECTA O AERÓDROMO DE ROZAS

En Galicia, afecta tamén á sección de investigación dos drones do aeródromo de Rozas (Lugo), onde a Xunta autorizou no seu día a firma de senllos convenios coas empresas Babcock, Airbus e Telespazio, o tres primeiros "socios estratéxicos" do que denomina "polo aeroespacial" de Galicia.

Neste escenario de reclamacións e protestas, que se desenvolveron en localidades como Albacete e Alacante, a Xunta negociou co comité de empresa os servizos mínimos para os helicópteros contra incendios e este mércores publícaos o Diario Oficial de Galicia (DOG).

En concreto, recolle unha orde pola que se establecen servizos mínimos "dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polo comité de empresa de Babcock Mission Critical Services Fleet Management, S.A.U.", que era o anterior nome da compañía. Agora, precisa Durán, trátase do persoal de Avincis Aviation Technics, a maior operadora dos servizos aéreos de emerxencias en España.

ATA O 21 DE MAIO

Os servizos mínimos para os helicópteros contra incendios recollen que, entre o 31 de marzo e o 21 de maio de 2023, "considéranse necesarios os medios aéreos despregados na base que se asigne ao helicóptero de coordinación".

Así, o persoal asignado por quenda será "o necesario para garantir que o citado helicóptero poida realizar a función para a cal foi contratado con garantía". "Igualmente, formará parte dos servizos mínimos o persoal mínimo necesario para garantir na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, para a posta a punto e a reparación, co obxectivo de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan aparecer nas zonas á que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo", engade.

Neste sentido, apunta que "deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, tendo en conta que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos".

Imaxe dunha das protestas, fóra de Galicia, de traballadores de Avincis. COMITÉ
Imaxe dunha das protestas, fóra de Galicia, de traballadores de Avincis. COMITÉ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta