O BNG denuncia "incumprimentos" no servizo de helicópteros sanitarios

Sinala que se "deixou sen cobertura á base de Ourense durante varios días"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 29/03/2023 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento para "denunciar o incumprimento do contrato" do servizo de helicópteros sanitarios do 061 que, segundo denunciou o sindicato CIG, non opera "desde o pasado 19 de marzo" de orto a ocaso, como establecen os pregos, se non durante 12 horas.

Para a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, este feito "supón unha clara conivencia do Partido Popular coa empresa concesionaria do Servizo, Eliance", un "agravio" ao que a nacionalista suma o "deixar sen cobertura á base de Ourense durante varios días o pasado mes de outubro ao non contar con helicóptero de reposto, tal e como establece o contrato", segundo denuncia tamén a CIG.

Por iso, a deputada anunciou o rexistro de diversas iniciativas para esixir á Xunta o "cumprimento íntegro deste contrato" e instou ao Goberno a que "deixe de actuar como comercial das empresas que prestan servizos ao Sergas".

Ademais, o BNG pediu ao Goberno galego explicacións sobre este contrato con Eliance, "que supón máis de nove millóns de euros" e reclamou saber "se existen expedientes abertos", xa que, "esta empresa é reincidente no incumprimento da cobertura" de horarios, apunta Prado.

DENUNCIA DA CIG

O sindicato CIG denunciou publicamente hai unha semana o "incumprimento do horario" de servizo dos helicópteros sanitarios do 061, con bases en Santiago e Ourense, que, afirman, "operan só por 12 horas" cando o contrato formalizado en 2019 establece que o servizo é de orto a ocaso.

A situación, sostén o sindicato, prodúcese "desde o pasado 19 de marzo", cando os días pasaron a ter máis de 12 horas de luz, o que fai necesario un segundo equipo de pilotos para que non superen as 12 horas de actividade legal.

Naquel momento, fontes do 061 consultadas por Europa Press replicaron que realizan un "estrito control do seguimento" do contrato, sen que por agora "conste incumprimento algún", á vez que aseguraron que o transporte sanitario aéreo durante todas as horas de luz está garantida "durante todo o ano".

A deputada do BNG Montse Prado
A deputada do BNG Montse Prado | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta