Outra mámoa destrozada en Ferrol por unha desbrozadora

Este concello xa leva sufrido outras agresións contra o patrimonio. En 2006, por un verquido de áridos na necrópole megalítica dos Montes do Gato e en 2012, unha tala incontrolada causou estragos ao castro de Mandiá.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 07/02/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Non é a primeira, nin será a última. As agresións ao patrimonio galego provocadas por máquinas desbrozadoras comezan a supoñer, xa, un serio problema para os bens arqueolóxicos. Non hai moito, un petróglifo era seriamente danado no Parque Rupestre de Campolameiro e, hai uns días, informábamos no GC de que Medio Rural viuse na obriga de arranxar un marco centenario tras danalo cunha desbrozadora.

Mámoa destrozada en Doniños, Ferrol, por unha desbrozadora
Mámoa destrozada en Doniños, Ferrol, por unha desbrozadora

Pois, novamente, outra destas máquinas que se encargan de limpar todo o que atopan ao seu redor –ás veces máis da conta-- acaba de danar outro túmulo funerario nos montes de Mougá, en Doniños, no Concello de Ferrol. Nesta zona hai contabilizadas 21 mámoas, algunhas das cales atópanse no interior do recinto dos polvoríns da Armada. 

Unha destas mámoas foi afectada gravemente por unha máquina desbrozadora de cadeas ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos, perdendo gran parte da masa tumular. “Descoñecemos de quen foi a autoría, algo que debe averiguar o Servizo de Patrimonio Cultural da Coruña onde hoxe mesmo lle enviei a denuncia do atentado arqueolóxico”, apunta o investigador Xabier Moure.

Non é a primeira vez que bens arqueolóxicos do concello de Ferrol sofre este e outro tipo de agresións. No ano 2006 denunciouse ante o Seprona o verquido de áridos extraídos das obras da estación depuradora de Cabo Prioriño xunto a necrópole megalítica dos Montes do Gato. No ano 2012, ante a denuncia dun veciño, o Seprona persouse no castro de Mandiá polas talas incontroladas dun madeirista, onde a maquinaria pesada utilizada causou distintos danos, tanto na contorna como no interior do xacemento. 

“Nesta mesma zona de Mougá-monte das Campaíñas algunhas mámoas xa foron agredidas con anterioridade, existindo un nulo control por parte das administracións sobre o conxunto megalítico”, critica Moure. Neste enlace pódense ver fotos da nova desfeita. 

Desfeita causada nunha mámoa de Ferrol por unha máquina desbrozadora
Desfeita causada nunha mámoa de Ferrol por unha máquina desbrozadora

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

So falta que o tractorista sexa licenciado en historia e sepa distinguir entre una mámoa e un montículo cheo de toxos. Si PPatrimonio e concellos non sinalan e delimitan os túmulos malamente alguén pode coñecelos e respetalos. ¿Cantos dolmens, logo de quitarlles a cuberta de terra, están completamente cheos de toxos e maleza? Aos franquistas a historia so lles interesa hata o trintaeseis, e os xacementos so si poden facer inauguracions e colocar a algún familiar como en Campolameiro e outros.

1 TDRW

É un atentado, non unha "agresión".