V Car Oulet Ourense: 400 oportunidades para atopar coche

A cita será en Expourense a vindeira fin de semana, entre o 14 e o 16 de abril, e reunirá un total de 24 marcas representadas a través de 15 concesionarios asociados.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/04/2023 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

Expourense acolle o V Car Outlet Ourense, un escaparate automobilístico que ofrecerá as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais. Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, que reunirá 24 marcas representadas a través de 15 concesionarios asociados.

Presentación do V Car Outlet Ourense. Foto: EXPOURENSE
Presentación do V Car Outlet Ourense. Foto: EXPOURENSE

Esta cita foi presentada este 10 de abril nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas, que estivo acompañado por boa parte da directiva da Asociación.

Cóntase con máis de 400 coches e ofertas moi especiais para un público que poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra. A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 5 anos.

MERCADO DE OCASIÓN EN AUXE

A situación actual do mercado do automóbil novo (suba impostos matriculación, dúbidas sobre qué tipo de motorización elixir, crises de componentes electrónicos, ruptura da cadea de subministros…) que contempla tempos de espera prolongados para recibir o coche novo, conleva que o mercado de ocasión sexa a mellor opción para quen precise cambiar de automóbil dun xeito rápido e cómodo.

Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón convértese nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (dos máis antigos de España) que ten agora unha idade media de 14 anos.

GARANTÍAS DUN MERCADO DE OCASIÓN CADA VEZ MÁIS PROFESIONALIZADO

Neste V Car Outlet, ademais do atractivo dos prezos, a organización lembra que hai avantaxes no financiamento, seguros ou outros servizos engadidos. E non só iso, tamén resulta tranquilizador contar coa garantía e solvencia que ofrecen os concesionarios oficiais, profesionais que xestionan a documentación do proceso de compra-venda e realizan a entrega inmediata do vehículo.

Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos).

As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican.

HORARIOS E SERVIZO DE LUDOTECA DE BALDE

O horario de apertura do salón será venres 14 de abril de 11.00 a 20.30 h., sábado 15 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 16 de abril de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

Para facilitar a elección do vehículo, o salón conta con Servizo de Ludoteca Gratuíto que terá o seguinte horario: venres 14 de 17.00 a 20.30 h.; sábado de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingo de 12.00 a 14.00 h. e de 16.30 a 20.00 h.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta