Concentración de decenas de persoas en Santiago contra a terapia de electroshock que recibe un mozo de Arzúa

Denuncian ante os medios de comunicación que Iván entrou no centro psiquiátrico de Conxo "completamente consciente" e que "non quería ser tratado con terapia de electroshock".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2023 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

Decenas de persoas concentráronse este martes na Praza do Toural de Santiago para protestar contra o uso da terapia de electroshock, como a que está a recibir un mozo de Arzúa ingresado na unidade de psiquiatría do Hospital de Conxo, algo ao que se opón a súa familia.

O presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), Fernando Abraldes, denunciou ante os medios de comunicación que Iván entrou no centro psiquiátrico de Conxo "completamente consciente" e que "non quería ser tratado con terapia de electroshock".

Desta maneira, sinalou que "estando xa ingresado o mozo tivo capacidade para decidir o seu avogado e procurador, pero quítanlle a capacidade de decidir sobre a súa saúde e o seu corpo" e que isto "é unha inconcluencia". Por iso, subliñou que "se está atentando contra dereitos fundamentais".

Abraldes apuntou que en Galicia os electroshocks "están a aplicarse a unhas 3.000 persoas", pero "non o fai en todo o territorio". Así, sinalou que áreas sanitarias como a de Lugo ou Ourense non permiten o uso desta ferramenta "por cuestións éticas".

Así mesmo, sinalou que este caso "non é o único" no Hospital de Conxo e recalcou que este tipo de tratamento "non conta con soporte científico" e "pode producir danos na memoria e lesións cerebrais".

Sobre a situación do mozo de Arzúa apuntou que "parece ser que xa lle deron a sétima sesión" e "esperan dalo de alta deica pouco, en dúas ou tres días". Abraldes insistiu en que "hai outras alternativas" que requiren "outros medios psicolóxicos, acompañamento e tempo", pero que iso "non se quere facer porque o electoschok é moito máis fácil e barato".

INGRESO XUDICIAL POR "RISCO ELEVADÍSIMO" DE SUICIDIO

O mozo, de 30 anos e orixinario de Arzúa, permanece ingresado desde principios do mes de febreiro na planta de Psiquiatría do Hospital de Conxo tras ser atendido por un cadro psicótico. Dada a súa situación, avaliada polos psiquiatras no hospital, e ante o "altísimo risco para a súa vida" que supón a "grave patoloxía" que padece, recolle un auto emitido polo xulgado número 6, determinouse o seu ingreso xudicial no Hospital de Conxo, así como que se lle aplique un tratamento de electroshock. A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta.

No auto, o xuíz chama a atención sobre que o mozo padece unha "patoloxía grave" que supón un perigo para a súa propia vida, dado que persiste na actualidade "sintomatología psicótica activa", e que, a maiores, non é "consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado", polo que se atopa "imposibilitado" para "decidir no momento actual".

O xuíz, que se basea nos informes de psiquiatría do hospital, así como nunha avaliación forense por parte do Imelga e nun recoñecemento xudicial do novo, establece que existe "un risco grave e inminente para a integridade física do paciente de ser autorizada a súa alta hospitalaria e o seu traslado ao centro proposto polo proxenitor", que é "manifestamente inadecuado de maneira obxectiva para o tratamento que precisa".

Sobre o tratamento proposto polo seu psiquiatra, o auto recolle que, desde o ingreso, tentáronse, sen éxito, "cinco tratamentos orais alternativos" e que os especialistas consideran que a terapia de electroshock está "absolutamente xustificada". O mozo xa recibiu algunhas das sesións programadas.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS na concentració en contnra das terapias de electroshock.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS na concentració en contnra das terapias de electroshock. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta