Comezan os traballos para baleirar a mina de San Finx de auga contaminada a pesar dos riscos á ría de Muros-Noia

Ecoloxistas en Acción cualifica como “temeraria” á Xunta, ao permitir o inicio das obras.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/04/2023 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Esta semana a filial da empresa australiana Pivotal Metals comezou os traballos de construción dunha planta de tratamento de achiques de mina na súa explotación de San Finx, en Lousame, como paso previo ao inicio do baleirado de centos de miles de metros cúbicos de augas contaminadas. Unha operación que podería comezar antes do verán.

Traballos para baleirar de auga contaminada a mina de San Finx
Traballos para baleirar de auga contaminada a mina de San Finx | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción verificou o comezo das obras, coa explanación da zona na que se vei construír unha nave de tratamento de augas, cuxa eficacia foi cuestionada por cofradías, concellos e ducias de colectivos ambientais. "As actuacións son ilegais, xa que a actividade non foi sometida a unha avaliación de impacto ambiental e o proxecto aprobado en 2009, que contempla 12 postos de traballos, non prevía ningún tipo de tratamento para a auga contaminada con metais pesados", denuncian os ecoloxistas nun comunicado.

A organización ecoloxista cualifica como “temeraria” á Xunta, ao permitir o inicio das obras e dos vertidos sen antes de resolver as ducias de recursos de alzada presentados contra a autorización de vertidos outorgada ilegalmente o pasado mes de febreiro, e pola que xa foron incoadas dilixencias penais nos Xulgados de Santiago contra os funcionarios e altos cargos responsables. Ademais Ecoloxistas en Acción anuncia a presentación inminente de demandas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tan pronto transcorra o prazo de 3 meses do que dispón a Consellaría de Infraestruturas para resolver os recursos.

A organización ecoloxista considera que permitir o baleirado da mina pode causar un "prexuízo gravísimo e irreparable" nos ecosistemas e bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia, e que  ademais non ten sentido ningún, xa que, unha vez que mesmo que se baleiren as augas das plantas inundadas, a empresa australiana non dispón dos permisos para poder realizar a explotación.

Lembran que a obtención dos permisos de explotación podería demorar anos ao precisar dunha avaliación de impacto ambiental, mentres que os achiques de mina, que chegarían a duplicar o caudal do río, terán que ser continuos, provocando unha contaminación con metais pesados permanente e totalmente innecesaria.

A organización ecoloxista chama a mobilizarse o 29 de abril en Santiago e apoiar a manifestación convocada polas cofradías para impedir a catástrofe ambiental que causaría este vertido de drenaxe ácido de mina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta