Maios tradicionais e coplas solidarias para loitar contra o cancro

O Concello de Verín vén de publicar as bases para participar na confección de Maios e na elaboración de coplas que se darán a coñecer o día 1 do vindeiro mes. Das coplas farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e solidarios; aqueles que fagan doazóns a favor da loita contra o cancro terán un dos 800 exemplares impresos.

Por Galicia Confidencial | Verín | 14/04/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Verín organiza o vindeiro 1 de maio unha concentración de maios tradicionais, artísticos ou feitos con refugallos --neste caso só para o alumnado de infantil--, na que ademais tamén terán unha importante presenza as creativas coplas que elaborarán e interpretarán ese mesmo día os grupos participantes. Das coplas farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e sociais. Para tratar de obter os fins sociais, as doazóns que se recaden no reparto de 800 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de investigación para a prevención e a cura do cancro, promovidos pola Asociación Española Contra o Cancro.

Maios 2022. Foto: Concello de Verín.
Maios 2022. Foto: Concello de Verín.

O evento pretende lembrar un acontecmento que, cos anos, converteuse en tradición. Segundo explican dende o concello, na década dos cincuenta, Enrique Gómez Pato comezou a percorrer as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Ao carón, ou agochado no interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica. 

BASES PARA PARTICIPAR CON MAIOS E COPLAS

.- Nesta concentración non competitiva poden inscribirse, no Concello de Verín e antes do día 21 de abril: centros de ensino, institucións e asociacións da comarca de Verín, todas debidamente rexistradas.

.- Os maios participantes colocaranse no Parque da Alameda, o día 1 de maio, nos lugares que a organización determine, das 10 h. até que remate a festa.

.- Os maios artísticos e enxebres terán que ir recubertos na súa totalidade con elementos naturais (xestas, carrabouxos, flores, madeiras, etc). Os maios do alumnado de Educación Infantil, exteriormente, utilizarán materiais de refugallo ou naturais.

.- Como axuda para as custas de montaxe do maio, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra coas Bases entregaráselle 120 coplas. Como excepción, aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle copla para o arquivo e unha cantidade en metálico de 200 €, que será de 250 euros se o centro presenta, ademais do maio artístico ou tradicional, un maio feito por alumnado de Educación Infantil.

.- As coplas serán elaboradas polos grupos participantes, segundo as directrices seguintes:

A.- A copla non terá menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara. Para a estrutura da redacción da copla aconséllase que as estrofas se agrupen segundo a temática que desenvolvan.

B.- O colectivo redactor responsabilízase da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión do texto previa á impresión (agás que o colectivo redactor o solicite expresamente), aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.

C.- O texto enviarase a cultura@verin.gal até o día 25 de abril.

D.- Das coplas farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e sociais. Para tratar de obter os fins sociais, as doazóns que se recaden no reparto de 800 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de investigación para a prevención e a cura do cancro, promovidos pola Asociación Española Contra o Cancro. Animamos tamén a colectivos e persoas a faceren doazóns para esta causa na conta: ES68 2080 0475 5630 4000 0077 (ABANCA). 

.-A interpretación destas Bases, a admisión de participantes e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta