Galicia vende en Madrid o polo aeroespacial de Rozas

Anuncia un novo instrumento de apoio que impulsará a compra privada de innovación por parte da industria.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/04/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) Patricia Argerey, participou este xoves no evento Roadshow 2023 da empresa Telespazio. Nesta xuntanza, Argerey convidou á industria española a aproveitar o potencial de coñecemento das pemes e centros tecnolóxicos e de investigación do  Polo Aeroespacial de Galicia para dar resposta aos seus retos tecnolóxicos a través da intelixencia artificial e os sistemas non tripulados.

Roadshow 2023
Roadshow 2023 | Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia lanzará un novo instrumento de apoio que impulsará a compra privada de innovación por parte da industria. Está previsto realizar dúas convocatorias -en 2023 e 2024-, dirixidas a pemes e centros de coñecemento galegos capaces de asinar acordos con empresas demandantes de solucións baseadas no uso de sistemas non tripulados e intelixencia artificial que non estean dispoñibles no mercado.

Neste novo programa, financiado no marco das Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica, Retech, a través de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation, estará dotado con 11,7 millóns de euros e nel terán cabida solucións que dean resposta aos retos e necesidades tecnolóxicas identificadas polas empresas, tamén os relacionados coa biodiversidade e a preservación do medio ambiente, áreas nas que xa están a traballar compañías como Telespazio ou Avincis.

En concreto, Telespazio colabora con Avincis, outro dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial, para desenvolver servizos innovadores enfocados á preservación da biodiversidade mediante a obtención e xestión de datos procedentes de diferentes plataformas de observación, como satélites e sistemas non tripulados; así como na aplicación algorítmica orientada á medición dos parámetros relativos ás diversas áreas. Isto suporá un repositorio de información dixital e cartográfica aberta á comunidade científica e ás Administracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta