Case seis persoas están en idade de abandonar o mercado laboral galego por cada unha que ingresa, segundo o IGE

Por cada 100 cotizantes en alta laboral menores de 40 anos, no mes de febreiro residían en Galicia 223 traballadores maiores desa idade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

Galicia contabiliza 5,88 persoas en idade de abandonar o mercado laboral por cada traballador que ingresa no Sistema da Seguridade Social, segundo datos do informe de Afiliacións publicado este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, con cifras do mes de febreiro, por cada 100 persoas en idade de abandonar o mercado laboral (afiliados de máis de 55 anos) hai 17 mozos e mozas que acceden á Seguridade Social (cotizantes menores de 25 anos).

Ademais, por cada 100 cotizantes en alta laboral menores de 40 anos, no mes de febreiro residían en Galicia 223 traballadores maiores desa idade. Por cidades, só A Coruña (209,6) e Ourense (212,5), non presentan valores superiores á media, que varían desde os 224,5 de Vigo, ata os 243,3 traballadores maiores de 40 anos por cada 100 afiliados menores desa idade en Ferrol.

Galicia contabilizou 1,03 millóns de afiliados á Seguridade Social en febreiro, un 0,6% máis que en xaneiro. Deles, 1,01 millóns (98%) corresponde a persoas cuxa residencia se atopa nun dos concellos galegos. Nos últimos doce meses, a cifra de cotizantes aumentou en todos os grandes municipios galegos, aínda que A Coruña e Santiago experimentaron maiores incrementos, cun 2,2% e un 2,5% máis, respectivamente.

Oficina do INEM. EUROPA PRESS - Arquivo
Oficina do INEM. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta