Detido tras facerse pasar por un instalador dunha compañía de electricidade e estafar 250 euros

O home está acusado tamén de non abonar dúas reposicións de combustible e dun roubo con violencia na rúa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2023 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A Garda Civil do Posto Principal de Boiro, en colaboración coa Policía Local de Noia, detivo a un home acusado, entre outros delitos, de subtraer 250 euros a unha persoa facéndose pasar por instalador dunha compañía de electricidade.

Segundo informou o corpo, os axentes tiveron coñecemento dos feitos, que se remontan aos meses de marzo e abril do pasado ano, por mor dunha denuncia interposta por un veciño de Rianxo, na que contaba que un suposto instalador dunha compañía de electricidade accedera á súa vivenda para substituír o contador eléctrico, cobrándolle pola xestión ficticia 250 euros.

Iniciouse entón unha investigación que concluíu coa identificación do vehículo empregado polo sospeitoso, propiedade dunha empresa de aluguer de Santiago de Compostela que interpuxera unha denuncia por apropiación indebida, despois de que o particular que llo alugou non o devolvese.

Posteriormente, os axentes constataron que o mesmo vehículo estaba implicado en dous delitos de estafa nunha estación de servizo da localidade de Noia, onde realizara dúas reposicións sen abonar o custo. No transcurso da investigación, o mesmo sospeitoso abordou na rúa a unha persoa, tamén na localidade de Noia, golpeándoa supostamente en reiteradas ocasións ata lograr subtraerlle o diñeiro en efectivo que levaba.

Unha vez coñecida a identidade do presunto autor dos feitos, a Garda Civil solicitou a colaboración da Policía Local de Noia para a localización deste individuo, a súa detención e posta a disposición xudicial. O xulgado de garda decretou o seu ingreso en prisión.

Un detido nun operación policial
Un detido nun operación policial | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta