Desembarco de estranxeiros en Galicia tras a pandemia na procura de vivendas

Alemáns, británicos e portugueses son os que máis mercan no país a un prezo que é inferior ao da media do Estado. A compravenda de vivendas por estranxeiros aumenta un 31% en Galicia, a segunda autonomía con maior crecemento.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/04/2023 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

A compravenda de vivenda libre por estranxeiros aumentou en Galicia un 31,03% interanual na segunda metade do 2022, o segundo maior incremento de todas as autonomías, moi por encima do 9,7% rexistrado no conxunto de España. Este aumento supera o 29,8% que se rexistrou no primeiro trimestre do ano pasado, moi inferior ao 53,7% que alcanzara nese período a media estatal.

Así está a compravenda de vivendas de estranxeiros no Estado
Así está a compravenda de vivendas de estranxeiros no Estado | Fonte: remitida

Segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CEN), no segundo semestre de 2022 efectuáronse en Galicia 874 operacións de compravenda, fronte ás 715 do mesmo período de 2021. O desta segunda metade de 2022 é o quinto crecemento semestral consecutivo rexistrado no país, despois da caída do 32,4% do primeiro semestre de 2020 por mor do confinamento.

No conxunto do Estado, as operacións efectuadas por estranxeiros representaron un 21,1% do total de compravendas, superando a media que se rexistrou entre 2010 e 2021 (17,0%). Os estranxeiros residentes realizaron o 55,5% das compravendas, e aumentaron un 11,2% interanual. O restante 44,5% das operacións foron efectuadas por estranxeiros non residentes, e incrementáronse un 8%.

A compravenda de vivenda libre por compradores estranxeiros aumentou en 15 das 17 comunidades autónomas. O incremento foi liderado por Asturias (34,68%), Galicia (31,03%), Canarias (22,41%) e Castela e León (20,30%). Cun incremento maior ao media pero menor ao 20% atópanse Estremadura (19,44%), Comunidade Valenciana (18,92%), Cataluña (13,53%) e Murcia (10,38%). Aumentos inferiores á media española rexistráronse en País Vasco (8,81%), Aragón (4,78%), Madrid (3,66%), Navarra (3,06%), A Rioxa (2,88%), Castela-A Mancha (0,76%) e Andalucía (0,13%, en tanto que os únicos descensos corresponden a Cantabria (-16,27%) e Baleares (-14,05%).

ALEMÁNS, BRITÁNICOS E PORTUGUESES

 

Segundo nacionalidade, residencia e autonomía, os alemáns lideraron a cota de compravendas entre estranxeiros non residentes en Galicia, cun 33% do total de operacións, seguidos polos portugueses, cun 18% do total. Entre os estranxeiros residentes, os nacionais de Portugal e Reino Unido foron os principais compradores en Galicia, cun 13% e un 8%, respectivamente das operacións realizadas.

 

Por nacionalidade, o grupo de estranxeiros que máis vivendas adquiriu foi o de nacionalidade británica, co 10,72% das operacións totais (7.520), seguido por alemáns (9,33%) e franceses (7,35%). O grupo de nacionalidades que engloba ao resto de estranxeiros de fóra da UE supuxo o 12,62%, rompendo así a tendencia baixista que se mostrou nos dous semestres anteriores. Por cuarto semestre consecutivo as compravendas efectuadas polos estranxeiros de todas as nacionalidades aumentaron, pero fixérono con maior intensidade as realizadas por ucraínos (99,87%), estadounidenses (36,64%) e arxentinos (34,54%).

 

Mentres, os maiores prezos media por metro cadrado foron abonados polos compradores de Suíza (2.904 €/m2), Suecia (2.885 €/m2), Dinamarca (2.881 €/m2), EE.UU. (2.809 €/m2), Alemaña (2.685 €/m2) e Noruega (2.656 €/m2). Tamén superaron o prezo medio pago polo conxunto de estranxeiros (2.089 €/m2) os compradores de Irlanda, Países Baixos, Francia, Rusia, Italia, Bélxica e Reino Unido. Os menores prezos foron pagados por marroquís (717 €/m2), romaneses (1.117 €/m2) e ecuatorianos (1.151 €/m2). Os prezos que máis creceron foron os das compravendas realizadas por chineses (17,55%) seguidos de suízos (17,14%) e noruegueses (15,46%). Doutra banda, os únicos países que tiveron un descenso nos prezos pagos foron Países Baixos ( 3,91%) e Alemaña (-2,05%).

PREZOS 

O prezo media por metro cadrado das operacións realizadas por compradores estranxeiros na segunda metade de 2022 situouse en Galicia en 894 €/m2, un 3,5% interanual máis que no mesmo semestre de 2021, en tanto que o incremento medio estatal foi do 3,6%, cun prezo medio de 2.089 €/m2.

No conxunto de España, os estranxeiros non residentes seguen pagando maiores importes medios polas súas vivendas (2.558 €/m2) que os residentes (1.668 €/m2) e os nacionais (1.553 €/m2). O prezo medio pagado por estranxeiros non residentes aumentou un 3,1% interanual e o dos residentes un 6,4%. O comprador nacional sitúase entre medias de ambos, ao alcanzar incrementos do 3,3% na segunda metade do ano.

Os prezos encarecéronse tamén en 15 das 17 autonomías, cos únicos retrocesos de Cantabria (-9,0%) e Estremadura (-0,1%). Entre as restantes 15 comunidades os maiores aumentos foron os de Madrid (16,96%), Murcia (15,10%) e País Vasco (13,84%). A maior distancia, pero por encima da media española do 3,6%, o prezo do metro cadrado creceu en Castela-A Mancha (9,39%), Canarias (9,12%), Castela e León (8,04%), A Rioxa (7,79%), Aragón (6,58%), Comunidade Valenciana (6,24%), Cataluña (5,60%), Illas Baleares (5,09%) e Asturias (4,96%). Por baixo da media situáronse Galicia (3,48%), Andalucía (3,27%) e Navarra (0,09%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Arteixá

O que nos faltaba. Que esta xente contribúa ao encarecemento da vivenda.

1 Sentidiño

...como fai en Nova York o primeiro de todos os arteixáns.