A Mesa denuncia no Parlamento Europeo que a nova Lei Audiovisual fai "imposible" normalizar o galego

Aseguran que incumpre "con claridade" a directiva europea

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/04/2023 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e o Grupo de Estudos audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) denunciaron no Parlamento europeo as "dificultades" que a nova Lei Audiovisual representa para a normalización do galego e para a supervivencia do sector en Galicia.

Convidados polo Intergrupo de linguas minorizadas do Parlamento europeo e presentados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, representantes destes colectivos compareceron este xoves para pedir que a resolución do Parlamento europeo sobre a aplicación da directiva europea garanta a igualdade de condicións para todas as linguas propias.

O primeiro en comparecer foi o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen asegurou que é "imposible" normalizar unha lingua e que esta avance se non ten presenza en todos os espazos e unha posibilidade real de uso.

"Excluír unha lingua do ámbito audiovisual é excluír a posibilidade de que de que os falantes desa lingua empréguena no seu propio televisor, no seu domicilio e mesmo que se incorporen novos falantes a esa lingua, por tanto, pensamos que o audiovisual, para a normalización de calquera lingua é un sector estratéxico", dixo.

Marcos Maceira sinalou que, a pesar de que a lingua galega é falada por máis da metade da poboación galega, está en "claro declive" tendo en conta que a principios do século "esta cantidade de falantes habituais era máis do 70% da poboación". "É indicativo deste forte retroceso que ten motivacións de distinto tipo, a principal, a exclusión do galego de todos os espazos da vida social", afirmou.

O presidente da Mesa, que sinalou que "un dos poucos datos positivos ao redor da lingua" é a "enrome cantidade de pais que insisten en falar cos seus fillos en galego", criticou que, neste contexto, o Goberno galego manteña "prohibido por decreto" o galego no ámbito da educación en materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía. "Dános unha idea de cal é o ambiente no que vivimos", indicou.

Tras iso, dixo tamén que, no ámbito televisivo, a presenza do galego no conxunto das canles infantís e xuvenís limítase a un 0,21%. "É un problema de vontade, como demostra o feito de que, a raíz do conflito en Ucraína coa incorporación de nenos e nenas refuxiados e con todo o dereito de ver audiovisual na súa lingua, si que se conta con canles infantís e xuvenís en Ucraíno", asegurou para sinalar que "hoxe en Galicia é máis fácil ver contido en Ucraíno ou mesmo en xaponés, que en galego".

Marcos Maceira considerou que a nova Lei Audiovisual aprobada no Congreso é "escasa", "non recolle realmente a diversidade lingüística, establece unhas cotas que son mínimas, exclúe a posibilidade de empregar as linguas naquelas plataformas que teñen sede fose do Estado español".

"Entendemos que isto incumpre con claridade a directiva europea da que a lexislación estatal é unha trasposición e non se garante a pluralidade lingüística. Nós o que queremos é vivir nunha sociedade plenamente democrática, e entendemos que unha sociedade plenamente democrática é aquela que recolle toda a diversidade, incluída a lingüística", afirmou. Ademais, asegurou que vulnera a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas.

FIGURA DO PRODUTOR INDEPENDENTE

Pola súa banda, en representación da Asociación Galega de Produtoras Independentes participou Xosé Lois Ledo, quen censurou que o Goberno non tivese en conta as alegacións presentadas a esta norma polas produtoras independentes e advertiu dos riscos que introduce a definición de produtor independente.

Unha definición que, segundo advertiu, "abre a porta a que empresas vinculadas a un provedor de servizos de comunicación audiovisual poidan realizalas para outra canle ao que non están vinculadas".

"Deste xeito asistiremos á consagración do duopolio empresarial no Estado español, unha forma de dinamitar a produción realmente independente, que é garante da dinamización de contidos minorizados e da diversidade cultural e lingüística".

Tamén incidiu en que permitirá a "produción cruzada" ao permitir que produtoras vinculadas a grandes canles poidan contratar para outras canles. Tras iso, asegurou que a definición de produtor independente abre as portas aos grandes grupos de comunicación ás axudas públicas. "Se ata agora as produtoras independentes eran as únicas que podían financiar os seus produtos con axudas públicas, o novo panorama deixa todo o poder en mans das plataformas e grupos de comunicación privadas, rompendo o equilibrio necesario", sinalou.

En representación do Grupo de Estudos audiovisuais da USC interveu, neste caso a través de videoconferencia, María Soliña Barreiro, quen sostivo que a "adaptación da directiva europea na lei audiovisual traballa contra o audiovisual en galego".

Fronte a iso, incidiu en que para protexer o audiovisual galego o primeiro que se debe facer é unha trasposición que protexa a diversidade para o que debe de haber vontade política e fondos suficientes.

Ademais, sostivo que nas investigacións realizadas polo seu grupo constataron que "ás veces" a propia Europa pon "dificultades" á diversidade e sinalou tamén que as políticas autonómicas da Xunta dan "moi pouco orzamento a producións, sen especificidade en galego, e nada de axudas ao subtitulado". "Hai pouco orzamento en produción e pouco orzamento en darlle visibilidade a outros filmes nas nosas linguas", ha afiramdo.

Por último, pediu ao Parlamento Europeo que se expoña subtitular a todas as linguas de Europa e non só ás 24 linguas oficiais as películas dos Premios Lux. "Sería un feito importante que o propio parlamento recoñecésenos", indicou

Marcos Maceira, presidente da Mesa
Marcos Maceira, presidente da Mesa | Fonte: irmandade.tv

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta