O acusado de matar o seu pai en Muros pasa a prisión provisional e sen fianza menters é investigado por homicidio

Polo de agora non se localizou a arma coa que se cometeu o crime.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Muros decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o mozo de 19 anos que desde o sábado permanecía detido por supostamente matar ao seu pai, de 59 anos, no seu domicilio en Esteiro. O mozo, ao que se lle imputa un delito de homicidio, pasou a disposición xudicial na tarde deste luns, pero acolleuse ao seu dereito a non declarar, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O mozo foi detido o sábado tras supostamente matar o seu pai, de 59 anos, cuxo corpo fora localizado de madrugada no domicilio. Desde entón, permaneceu baixo custodia policial na comisaría de Boiro ata que este luns foi trasladado ao xulgado de Muros. Sobre este caso pronunciábase este luns en declaracións aos medios a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen insistía en que continúa a investigación "para esclarecer os feitos", aínda que sen especificar se había denuncias previas entre pai e fillo.

No marco das dilixencias da investigación, que asumiu a Policía Xudicial de Noia, a inspección ocular do domicilio deuse por concluída xa o sábado e ata o momento non se puido localizar a arma coa que se produciu o crime, aínda que fontes coñecedoras do caso apuntan a un machete ou un obxecto con características similares. En paralelo, as pescudas céntranse no atopado no inmoble, así como nuns vídeos en redes sociais do detido nos que aparece con varias armas e nos que profire ameazas.

FEITOS

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou a morte violenta á primeira hora do sábado. A alerta sobre a existencia dunha agresión e unha persoa ferida nunha vivenda deste municipio coruñés produciuse sobre as 00,42 horas da madrugada.

Ao lugar do suceso acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, así como persoal sanitario da PAC de Muros. O 061 informou posteriormente da morte violenta do home e tamén de que foi atendido un mozo de 19 anos e iniciais A.M.P., que foi dado de alta alí mesmo.

O home falecido era "moi coñecido" porque Esteiro é "moi pequeno" e rexentara un bar situado, precisamente, no baixo do inmoble no que se produciu a agresión, tal e como sinalaron a Europa Press fontes municipais. Na actualidade, o negocio estaba pechado. As mesmas fontes precisaron que houbo veciños que, horas antes de que transcendese o suceso, ouviron golpes na vivenda. E que habitualmente, na mesma, había discusións, que atribúen a que o mozo tiña "problemas".

b63317562568254ab97b2132b885c73e.jpg. César Arxina - Europa Press
b63317562568254ab97b2132b885c73e.jpg. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta