Investigadores da USC descobren unha revolucionaria técnica teragnóstica para a artrite

Pódese combinar na mesma proba diagnóstico e tratamento para esta enfermidade. A innovación desta nova técnica é que o tratamento se pode realizar de forma individualizada para cada paciente.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/04/2023 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

A artrite é unha enfermidade caracterizada pola inflamación das articulacións da que existen máis de 100 tipos. Cunha alta prevalencia, unha das tipoloxías máis comúns é a artrite reumatoide, que afecta a entre 0,1 e 2 casos por cada 100 persoas no mundo. Esta patoloxía preséntase predominantemente en mulleres e en persoas de máis de 65 anos.

Tratamento para a artrite
Tratamento para a artrite | Fonte: -iStock-

Agora, persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaba de presentar unha revolucionaria técnica teragnóstica que combina nunha mesma proba diagnóstico e tratamento de maneira personalizada.

Esta nova técnica permite realizar un diagnóstico molecular para estudar a expresión dunha determinada diana terapéutica de forma individual en cada paciente e así administrar posteriormente un tratamento personalizado dirixido contra esas mesmas dianas. “Trátase dunha aproximación que xa mostrou excelentes resultados no campo da oncoloxía e que agora desenvolvemos, por primeira vez, para o tratamento personalizado da artrite”, explica Pablo Aguiar dende o CiMUS da USC.

TÉCNICA PIONEIRA

A tecnoloxía que se presenta é pioneira en todo o mundo, ao tratarse da primeira que permitiría realizar o diagnóstico e o tratamento da artrite nunha mesma proba. Consiste nun novo radiofármaco PET baseado en nanopartículas que se inxecta de forma intra-articular e que aumenta significativamente a eficacia do tratamento, pois permite que a molécula terapéutica, neste caso un péptido senolítico, permaneza máis tempo no lugar de acción.

“A innovación desta nova técnica é que o tratamento se pode realizar de forma individualizada para cada paciente, é dicir, o diagnóstico PET achega a información necesaria para saber se o tratamento vai ser efectivo ou non, pois permite coñecer a distribución e a cinética do fármaco antes de administrar o tratamento”, asegura María De la Fuente, do IDIS.

O traballo foi froito dunha extensa colaboración multidisciplinar coordinada por Pablo Aguiar do grupo de Imaxe Molecular do CiMUS e do IDIS, e por María De la Fuente, do grupo de Nano-oncoloxía do IDIS, no que tamén participaron o grupo de María Mayán, do INIBIC e José Ramón Caeiro do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta