O PSdeG reclama á Xunta políticas que eviten a perda de xente nova en Galicia ofrecendo oportunidades laborais

A Xunta di que a saída de xente nova de Galicia cara fóra é consecuencia do mercado laboral "dinámico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2023 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, vinculou a marcha de mozos galegos cun mercado laboral "dinámico" en resposta a unha pregunta do deputado socialista Gonzalo Caballero, que, á súa vez, cualificou de "escapista" a política da Xunta e reclamoulle medidas.

"É o tempo de que o goberno do señor Rueda diga o que quere facer, xa pasou a estrea", dixo na Comisión de Economía do Parlamento galego e en referencia á toma de posesión do titular do Executivo galego tras a marcha do actual presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Caballero instou a Rueda a "non deixar de gobernar Galicia" a pesar de estar, engadiu, de "procesións" pola comunidade autónoma, en referencia aos actos relixiosos nos que participou.

Na súa interpelación, tivo tamén palabras de reproche para o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que dixo que deixou unha Galicia "máis pequena en emprego, en industria e en servizos públicos".

A XUNTA REIVINDICA AS AXUDAS

Fronte a estas críticas e a denuncia de marcha de mozos galegos en busca de oportunidades laborais, Zeltia Lado incidiu en que o que hai é "un mercado laboral dinámico e cambiante que fai necesario que nos anticipemos".

Tamén rexeitou que por parte da Xunta haxa "unha mala política económica" e remitiuse aos datos "que reflicten que temos a segunda menor taxa en mobilidade interautonómica, 5,6%".

No caso dos menores de 30 anos, asegurou que esta porcentaxe se sitúa na 6,5% fronte ao 15,3% a nivel estatal. "E iso conséguese con planificación, acción e o compromiso do tecido empresarial galego".

Por outra banda, remitiuse ás axudas da Xunta de Galicia para a contratación de persoas novas ou para "reter o talento", ademais de iniciativas como a Estratexia Galicia Retorna. Neste sentido, sinalou que nos últimos anos retornaron á comunidade autónoma 28.000 galegos e galegas.

Pola contra, o deputado socialista asegurou que co goberno do PP en Galicia "hai unha maior dificultade de xerar emprego". "Entre 2009 e 2021 abandonaron Galicia 375.000 galegos e galegas". "Non percibo preocupación no goberno da Xunta", insistiu.

Arquivo - Mercado laboral. Xunta de Galicia - Arquivo
Arquivo - Mercado laboral. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta