O PSOE de Ourense reclama "dinamizar" o centro histórico e o BNG propón plans para a emancipación da xente nova

A ambas as apostas súmanse "a creación dunha oficina de emancipación xuvenil" co obxectivo de que a xente nova "senta que tamén son parte do Concello de Ourense e que poden contar con el".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense avogou por impulsar medidas que permitan "dinamizar" o centro histórico, mentres que o BNG ourensán expuxo a creación dunha oficina de emancipación xuvenil para favorecer o acceso á vivenda dos máis novos.

Os candidatos socialista, Paco Rodríguez, e nacionalista, Luís Seara, ofreceron na mañá deste xoves senllas roldas de prensa para trasladar algunhas das súas propostas electorais de face á cita coas urnas do próximo 28 de maio.

Os socialistas expoñen que o centro histórico ourensán sexa declarado 'Zona Rexurbe' para poder levar a cabo "unha rehabilitación en profundidade a curto e longo prazo", para iniciar "un plan de dinamización" que fomente a instalación de veciños e negocios, segundo trasladou Alfonso Pavón, arquitecto municipal e número 5 na lista que encabeza Paco Rodríguez.

Pavón incidiu que "esta declaración permitirá ter acceso a fondos estatais, autonómicos e da Unión Europea", aínda que remarcou a necesidade de favorecer a colaboración "público privada" para que no ano 2027 haxa un parque público de 400 vivendas no centro da cidade.

Esta relación entre a promoción pública e a iniciativa privada tamén se precisa, segundo o PSOE, para "darlle impulso" ao centro histórico "porque non hai dotacións privadas de actividade comercial como un supermercado nesa zona sur, que é moi importante, nin tampouco un centro de saúde".

Tamén compareceu na rolda de prensa a secretaria provincial das Mocidades Socialistas, Alba Igrexas, que subliñou como "primordial" a creación e a promoción de bolsas de aluguer municipal "a prezos sociais para garantir o dereito á vivenda digna, facilitando a emancipación".

Así mesmo, remarcou que "é fundamental" o acceso a información sobre vivendas dispoñibles e que "existan tarifas de auga, luz e gas reducidas e axustadas a persoas con menos recursos e estudantes".

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego incidiu na importacia de que o gobiern local preste maior atención á xente nova, que "estivo abandonada a todos os niveis no últimos oito anos por parte dos gobernos do Partido Popular e de Democracia Ourensana".

Neste sentido, os nacionalistas presentaron propostas en materia de vivenda. Avanzaron a posta en marcha dun Plan de Rehabilitación de vivenda e aluguer social, dotado de 2 millóns de euros e "cun máximo de 18.000 euros por vivenda a condición de que o aluguer se manteña por baixo do 25% do prezo de mercado".

Ademais, o portavoz nacionalista, Luís Seara, lembrou que xa a semana pasada expuxeron unha das medidas de face ao próximo mandato: a adquisición de ata dez inmobles na zona histórica para a súa rehabilitación e posta a disposición dos veciños "a prezos de aluguer alcanzables".

A ambas as apostas súmanse "a creación dunha oficina de emancipación xuvenil" co obxectivo de que a xente nova "senta que tamén son parte do Concello de Ourense e que poden contar con el".

A oficina, segundo sinalou o candidato á alcaldía, terá a función de acompañar e orientar aos mozos en procura e firma do seu contrato de aluguer, así como a de "actuar de mediador entre as partes de ser necesario". Así mesmo, encargarase de orientar "sobre todo os trámites e procedementos burocráticos necesarios ao longo do proceso de emancipación".

A formación lamentou a precariedade económica xuvenil, sinalando que en moitos casos "ter un traballo non significa poder vivir dignamente debido aos baixos salarios e os prezos excesivamente altos das vivendas, o que dificulta a emancipación", por iso subliñan que o concello, a administración local máis próxima aos veciños, "non pode permanecer alleo a esta situación".

Francisco Rodríguez, PSOE de Ourense
Francisco Rodríguez, PSOE de Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta