A presidenta do CCG inicia unha viaxe institucional a Cuba para participar nun p rograma sobre patrimonio cultural

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, realiza esta viaxe dentro do programa 'Xornadas sobre patrimonio cultural común', organizado polo CCG e a Cátedra Xosé Neira Vilas da Habana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2023 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia este xoves unha viaxe institucional a Cuba, onde participará nun programa de actividades sobre o patrimonio cultural común entre Galicia e a illa. Segundo informan nun comunicado, ademais de reunirse co embaixador de España en Cuba, asistirá á investidura de Pilar Cagiao como membro da Academia Cubana de Historia.

Rosario Álvarez inicia o seu percorrido pola illa cubana este xoves coa visita ao fondo galego 'Xosé Neira Vilas', no instituto de Literatura e Lingüística da Habana e unha conferencia-visita na Cátedra de Cultura Galega da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana Estas actividades, apuntan, forman parte do programa 'Xornadas sobre patrimonio cultural común', que organizan o CCG e a Cátedra Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana coa colaboración dunha serie de entidades galegas e cubanas.

Tamén no marco deste programa, o sábado está previsto que a presidenta participe no 'Andar galego 'Prá Habana vou', un itinerario deseñado por Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra de Cultura Galega, como "homenaxe ao pobo galego na diáspora que percorre lugares e edificios que permiten recoñecer a pegada galega na capital cubana".

O luns terá lugar outra conferencia-visita na Cátedra Hispanoamericana da Facultade de Filosofía e Historia. As xornadas finalizarán o martes coa investidura de Pilar Cagiao Vila como membro da Academia Cubana de Historia, que terá lugar no Colexio Universitario San Gerónimo, acto ao que asistirá como convidada a presidenta do CCG. Ademais, este venres Rosario Álvarez manterá unha reunión co embaixador de España en Cuba, na que abordarán as relacións culturais entre os dous territorios, con especial atención ás necesidades culturais da colectividade galega residente na illa.

EXPOSICIÓN 'O SOÑO CUBANO'

Doutra banda, a presidenta do Consello inaugurará este sábado unha nova itinerancia da exposición 'O soño cubano da emigración galega', comisariada por Xosé M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro. A mostra inaugurouse na capital cubana en 2019, coincidindo co quinto centenario da creación da cidade, e que agora volve ao Centro Galego da Habana.

O proxecto explora as fases e facetas principais da "epopea migratoria" que levou a case 200.000 galegos a Cuba, desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba e a pegada da emigración galega na sociedade cubana.

A mostra está conformada por 30 paneis que descobren o perfil dos galegos emigrantes na Habana (novos e maioritariamente homes, procedentes de sectores medios, chegados a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais, que se integran no pequeno comercio) e permiten coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba. Fotografías, documentos privados e materiais procedentes do asociacionismo galego ilustran esta mostra, que revisa unha destacada e potente relación histórica.

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega | Fonte: culturagalega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta