Bugallo di que a licenza de actividade de Desproi "quedou sen resolver" durante os gobernos do PP e CA

O alcalde de Santiago indicou que "nos servizos administrativos de urbanismo esíxense uns requirimentos que se están expondo neste momento".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago e candidato socialista para as eleccións municipais, Xosé Sánchez Bugallo, fixo fincapé este xoves en que o local de Desproi "tiña licenza" e que a solicitude "de licenza de actividade formulada en 2011 que quedou sen resolver" nos gobernos do PP e Compostela Aberta (CA).

CA sinalou este mércores nun comunicado que a concelleira de Urbanismo do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, asinou un decreto con data do 17 de abril no que se ordenaba o peche (nun prazo de cinco días) do local de Desproi Promocións situado en República Checa, 52, no polígono de Costa Vella, xunto coa "suspensión de actividade do centro de negocios, aluguer de oficias e almacén".

Desproi é a empresa, que debeu máis de 170.000 euros por tributos non pagos (intereses xa incluídos), coa que o Concello de Santiago contratou as súas instalacións para trasladar as oficinas de Medio Rural e Parques e Xardíns tras o desaloxo das anteriores, na antiga estación de autobuses.

Este contrato acabou motivando a dimisión do que era concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, tras descubrirse que era socio (a través doutra empresa, Gaia) de Desproi, accións que vendeu cando xa se aprobou en xunta de goberno local a contratación coa entidade.

Sánchez Bugallo insistiu este xoves en que era algo "público e notorio" que a licenza de actividade "non se resolveu entre 2011 e 2019", anos nos que gobernaron, en primeira instancia, os populares e, a partir de 2015, Compostela Aberta. Desta maneira, indicou que "nos servizos administrativos de urbanismo esíxense uns requirimentos que se están expondo neste momento".

Así mesmo, o rexedor local apuntou, ademais, que coa lei "que sacou a Xunta de Galicia para o emprendimiento e para facilitar a renovación das empresas, establécese a desaparición de licenza de actividade". Sobre o decreto, Sánchez Bugallo remarcou que é un tema "que segue a súa canle administrativa e xa se verá en que termina".

CA SINALA QUE O PSOE QUERE "BOTAR BALÓNS FÓRA"

Nunha rolda de prensa posterior, a candidata á alcaldía de Compostela Aberta, María Rozas, sinalou que o goberno de Sánchez Bugallo "quere botar balóns fóra", pero "esquécense de que o goberno que alugou a nave foi o seu e non os anteriores".

Rozas lembrou que era "unha nave propiedade da súa concelleiro de Medio Rural, nave que alugou para trasladar dependencias municipais, que tiña unha débeda co concello e que non tiña licenza de actividade".

Nesta liña, reiterou "falta de transparencia" no Goberno local que era "polo menos coñecedor desde o 16 de marzo", data do informe, de que "non tiña os permisos de actividade que tiña que ter".

República Chega, 52, no polígono de Costa Vella, sede de Desproi
República Chega, 52, no polígono de Costa Vella, sede de Desproi | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta